O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou esta mañá na entrega de premios das ligas de fútbol sala e baloncesto de Special Olympics Galicia

A Xunta salienta o valor do deporte como ferramenta para a inclusión das persoas con discapacidade

O Goberno galego incrementa nun 16% os fondos destinados á atención á discapacidade no orzamento de 2023, ata superar os 165 millóns de euros

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu esta mañá á gala de entrega dos trofeos e medallas das ligas de fútbol sala e baloncesto de Special Olympics Galicia. Ademais, durante o acto recoñeceuse o traballo das persoas voluntarias que colaboran con esta entidade. 

Fernando González Abeijón destacou a importancia que ten o deporte como ferramenta para avanzar cara a plena inclusión e a mellora da autonomía das persoas. Así mesmo, sinalou que todos os participantes nesta competición son merecedores de recoñecemento, xa que son un exemplo de esforzo, superación e compañeirismo.

Ademais, o director xeral puxo en valor o traballo que realiza Special Olympics Galicia e garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir traballando pola integración real e a igualdade de oportunidades. Neste sentido, destacou que os orzamentos da Consellería de Política Social e Xuventude para 2023 destinan máis de 165 millóns de euros para a atención á discapacidade, o que supón un aumento do 16% con respecto ao destinado a esta área este ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2022