O Programa Estatístico 2023 recollerá 149 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Programa Estatístico para o 2023 –o segundo do Plan Galego de Estatística 2022-2026- recolle 149 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía, con resultados que incrementan a oferta informativa achegada polos sistemas estatísticos español e europeo. Ademais, tamén inclúe 48 actuacións para abondar na difusión e análise da información dispoñible sobre Galicia.

O programa foi aprobado na reunión celebrada hoxe do Consello Galego de Estatística, presidido polo director do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión.

Entre as novidades salientan as estatísticas sobre turismo de saúde, sector cultural e promotores de aproveitamentos forestais. Ademais, outras tarefas novas son as de actualizar as proxeccións de taxas de actividade, reeditar a enquisa dirixida ás empresas multilocalizadas, difundir información do emprego de novas tecnoloxías nos fogares ou realizar unha enquisa sobre habilidades profesionais das persoas traballadoras.

Outras actividades programadas que enriquecerán o coñecemento da economía galega son a elaboración da matriz de contabilidade social ou a difusión de información sobre escenarios macroeconómicos e posición cíclica.

Ademais, o IGE continuará realizando as grandes enquisas dos programas anteriores como a Enquisa de Poboación Activa ou a Enquisa Estrutural a Fogares.

Plan Galego de Estatística 2022-2026

O Plan Galego de Estatística 2022-2026 supón un marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre as comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo Comité do Sistema Estatístico Europeo, que contempla os principios de independencia profesional do persoal estatístico, imparcialidade, obxectividade e transparencia, entre outros. Por tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida a estes valores e o Goberno galego comprométese a impulsalos e respectalos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2022