O presidente da Xunta visitou esta semana as instalacións que a empresa Pérez Torres Marítima ten no porto de Ferrol

Rueda gaba a aposta pola internacionalización e innovación que está a facer o tecido empresarial galego

Ferrol, 4 de decembro de 2022 
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a aposta pola internacionalización e innovación que está a facer o tecido empresarial galego, tras ter visitado esta semana as instalacións no porto de Ferrol da empresa galega Pérez Torres Marítima, un dos principais operadores loxísticos de España e en proceso de expansión tras a apertura de varias delegacións internacionais.

Rueda gabou a profesionalización que están a levar a cabo moitas empresas galegas, como Pérez Torres, que iniciou a súa actividade no porto de Marín en 1962 enfocada cara á carga refrixerada e, desde aquela, non parou de medrar en operacións en Ferrol-San Cibrao, especializándose en carga e descarga de produtos forestais e compoñentes eólicos; e tamén na Coruña, Cariño, Ribadeo-Burela e Vigo; e seguiu ampliando a súa actividade coa apertura de dúas delegacións en Aveiro (Portugal) e Xangai (A China).
 
O presidente galego tamén puxo como exemplo a esta empresa, no feito de que reflicte a adaptación das dimensións, da aposta pola innovación e da procura de elementos diferenciadores que son cuestións importantes ás que lles está a dar pulo o tecido empresarial galego para dar cumprida resposta ás demandas do mercado, ao tempo que acadar ser máis competitivo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2022