Alumnado do centro de educación especial López Navalón presenta as pezas creadas para a entrega dos premios Rebulir da cultura galega

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez participaron no acto de entrega dos galardóns aos organizadores do festival


 Trenor destacou a importancia destas pequenas estatuas que “simbolizan os lazos entre o noso sistema educativo e o sector cultural” ao tempo que recoñecen o traballo dos rapaces de todos os centros de Educación Especial de Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitaron o centro de Educación Especial Manuel López Navalón para presentar as figuras elaboradas polo alumnado deste centro que se entregarán como premio aos galardoados do Festival Internacional Rebulir (FIR). Estas obras foron creadas polos estudantes do programa formativo básico de Cerámica deste centro compostelán.

Trenor agradeceu ao FIR “este encargo tan especial”. Así mesmo destacou “o labor do CEE e especialmente do seu profesorado porque todos os anos se comprometen para sacar o mellor do seu alumnado, persoas extraordinarias con capacidades diferentes”.

Os representantes do Goberno galego destaron que estas pezas supoñen unha gran ocasión para tecer lazos entre o noso sistema educativo e o sector cultural ao tempo que se recoñece o traballo do alumnado deste e de todos os centros de Educación Especial de Galicia. Apuntaron tamén que o de hoxe é un acto público de agradecemento aos alumnos polo seu traballo, xa que non poden asistir á gala dos premios.

Na presentación participaron tamén o alumnado e as súas familias, a directora do centro, Carmen Mª Otero Parga; e o director do FIR, Alexandre Sotelino e o xefe territorial da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades, Indalecio Cabana. Ao remate o alumnado do programa formativo básico de Servizos de restauración do CEE Manuel López Navalón ofreceulles un petisco aos asistentes.

Os premios Rebulir da Cultura Galega 2022 entregaranse no marco Festival Internacional Rebulir 2022 que terá lugar o 17 de decembro en Ramirás en Ourense. Os galardoados son Xosé Luis Méndez Ferrín (premio Homenaxe), Fuxan os Ventos (premio da Música Galega) a Celso Fernández Sanmartín (premios Artes Escénicas) e una mención honorífica aos emigrantes galegos en Estados Unidos.

Estes premios nacen no ano 2012 como un recoñecemento a persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións, teñen como un dos seus principais obxectivos a proxección exterior do nome de Galicia, especialmente a través do establecemento de vínculos interculturais e de raíz.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2022