A Xunta logra o obxectivo de cobertura de vacinación da gripe e supera xa o 75% en persoas maiores de 65 anos

Así mesmo, en maiores de 60 anos, xa se vacinou ao 69,4% das persoas, o que supón situarse 3,70 puntos por riba da cobertura obtida no peche da campaña de vacinación do pasado ano

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A campaña de vacinación antigripal posta en marcha pola Xunta, que comezou o pasado 10 de outubro e que rematará o 31 de decembro, conseguiu estes días, no que atinxe ao colectivo de persoas maiores de 65 anos, unha cobertura vacinal do 75,4%, chegando, deste modo, ao obxectivo do 75% marcado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e, tamén, polo Ministerio.

Así mesmo, os bos datos que está a acadar esta campaña de vacinación reflíctense en que no grupo de persoas maiores de 60 anos, a Xunta xa vacinou ao 69,4%, o que supón situarse 3,7 puntos por riba da cobertura obtida no peche da campaña de vacinación do ano anterior.

Compre sinalar que o obxectivo xeral da campaña, á que o Goberno galego destina 8,6 millóns de euros e 1.017.000 doses, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

A Xunta de Galicia ten dispostos para esta campaña en torno a 900 puntos de vacinación entre centros de atención primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, así como centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e centros de discapacitados.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 05/12/2022