A conselleira do Mar participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia pide evitar recortes drásticos nas cotas de pesca para 2023 como a proposta de peche do xurelo en augas do Cantábrico

A comunidade solicita prudencia á hora de fixar as posibilidades de captura e as medidas de xestión desta especie atendendo a malos precedentes como o da sardiña ou o da pescada en augas ibéricas
 

A conselleira do Mar defende que se manteña aberta a pesqueira cun nivel de capturas de 15.000 toneladas no vindeiro exercicio e aumentar a flexibilidade de pesca da cota de Fisterra cara o sur do 3% ao 25%
 

Rosa Quintana considera máis favorable a proposta de TAC e cotas de Bruxelas para 2023 en relación coas de anos precedentes, pero incide na importancia de ter en conta os aspectos socioeconómicos e o esforzo realizado pola frota nos últimos tempos
 

O Executivo galego defende a necesidade de que as cotas de 2023 poñan fin aos intensos axustes de exercicios anteriores que complicaron a actividade do sector ao coincidir coa pandemia da covid-19, o encarecemento da enerxía ou a guerra en Ucraína

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se analizaron as propostas de cotas da Comisión Europea de cara ao Consello de Ministros de Pesca dos días 11 e 12 no que se fixarán as posibilidades de pesca para 2023 nos caladoiros que dependen exclusivamente da Unión Europa. Nel a titular de Mar defendeu a necesidade de evitar recortes drásticos nas cotas como a proposta de total admisible de captura (TAC) 0 realizada para o xurelo en augas do Cantábrico, entre Fisterra e o golfo de Biscaia.

 

A representante da Xunta apelou á prudencia á hora de fixar as posibilidades de pesca do xurelo pois existen precedentes que mostran a necesidade de actuar con cautela na elección das medidas de xestión. Neste sentido, puxo como exemplo o caso da sardiña, para a que tamén se propuxo no seu día un peche total da pesqueira durante 15 anos e, finalmente, logrouse recuperar a especie en apenas un lustro sen ter que paralizar a actividade extractiva.

 

Na mesma liña, Rosa Quintana lembrou o caso da pescada en augas ibéricas. Tras anos de recortes na cota de pesca, descubriuse que había un erro no modelo de cálculo da biomasa da especie -co que o estado do stock era moito mellor do estimado- o que levou a propoñer de xeito repentino unha suba do TAC do 70%.  

 

Ante esta situación, a conselleira pediu manter aberta a pesqueira do xurelo no Cantábrico -de Fisterra ata o golfo de Biscaia- cun nivel de capturas de, polo menos, 15.000 toneladas así como aumentar a flexibilidade de pesca da cota fixada de Fisterra cara o sur -do 3% actual ao 25%- tendo en conta que o stock estaría mesturado nesta área na que se xuntan os límites das zonas VIIIc e IXa.

 

A conselleira do Mar tamén subliñou a importancia de estudar o recurso por zonas tendo en conta que a situación da especie non pode ser a mesma en Noruega que en augas do Cantábrico, polo que non se deben aplicar medidas de xestión idénticas nas dúas áreas de pesca.  

 

A representante do Executivo galego salientou ademais que Galicia está a traballar na elaboración dun informe de impacto socioeconómico desa proposta de TAC 0 para o xurelo na zona VIIIc co obxectivo de entregalo ao Goberno central e que poida empregalo en Bruxelas na defensa dos intereses da frota galega e española. A comunidade considera que o informe e as recomendacións do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) para esta especie ofrecen alternativas que permitirían manter aberta a pesca e recuperar o recurso sen causar un dano irreversible a frotas como o cerco ou o arrastre.

 

Balance global

Rosa Quintana considerou máis favorable a proposta de TAC e cotas de Bruxelas para 2023 en relación coas de anos precedentes, pero incidiu na importancia de que tanto a Comisión Europea como os estados membros da Unión Europea teñan en conta os aspectos socioeconómicos e o gran esforzo realizado pola frota na conservación dos distintos recursos.

 

Neste sentido, lembrou que o propio Executivo comunitario recoñece os avances rexistrados no estado das poboacións de peixes en augas europeas, especialmente no Atlántico Noreste -nas que faena a frota galega-, onde a maioría das especies se atopan en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS), é dicir, o nivel óptimo de capturas que permite manter a actividade a futuro sen danar o recurso. De feito, a práctica totalidade das cantidades extraídas no Atlántico realízase de forma sustentable.

 

A titular de Mar defendeu a necesidade de que as cotas de 2023 poñan fin aos intensos axustes dos últimos exercicios, o que complica aínda máis a actividade do sector ao coincidir con outras cuestións como a pandemia pola covid-19, o encarecemento da enerxía e das materias primas ou a guerra en Ucraína.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 05/12/2022