A Xunta presenta este xoves os traballos de rehabilitación realizados no Colexio do Cardeal de Monforte cun concerto de Rosa Cedrón e Emilio Rúa

O Goberno galego vén de rematar a actuación na igrexa, claustro e áreas de visita pública deste Ben de Interese Cultural cun investimento de 500.000€
 

A cita será ás 19,00 horas e está aberta para toda a cidadanía polo que para asistir só será necesario inscribirse previamente en eventos.cultura.educacion@xunta.gal
 

Asistirán o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia presentará este xoves os traballos de rehabilitación realizados no Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos nun acto que terá lugar a partir das 19,00 horas e que contará coa actuación musical de Rosa Cedrón e Emilio Rúa e coa asistencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

 

A cita para dar a coñecer o resultado da intervención está aberta a toda a cidadanía. Deste xeito, para asistir só será necesario inscribirse previamente no enderezo eventos.cultura.educacion@xunta.gal ata acadar o máximo do aforo.

 

A obra feita neste inmoble permitiu mellorar a conservación da igrexa, claustro e áreas de visita pública deste Ben de Interese Cultural (BIC) cun investimento de 500.000€. En concreto, solucionaranse as patoloxías da bóveda, cuberta e muro do presbiterio. Ademais actuouse nas carpinterías para evitar a entrada de auga e nos elementos mobles da igrexa con tratamentos de desinsectación.

 

Expoñente do clasicismo herreriano

O Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como Colexio de Nosa Señora da Antiga, está protexido polo seu valor cultural, como Ben de Interese Cultural e, ademais, está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.