A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou da licitación, hoxe, das obras da 1ª fase da futura Cidade de San Caetano, por importe de 33,8 M€

A Xunta comezará na primavera a reordenación da contorna da antiga estación de autobuses de Santiago, cun investimento de 36,2 M€ na Cidade de San Caetano e na reforma da rúa Rodríguez de Viguri

Vázquez Mourelle explica que os 33,8 M€ da contratación das obras da 1ª fase se incrementan ata os 34,6 M€ tendo en conta a redacción do proxecto, un investimento público que axudará á dinamización da economía e levará aparellados máis de 500 empregos
 

Detalla que os dous primeiros módulos do edificio, de máis de 12.000 m², configurarase mediante un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que une os distintos usos e niveis, dando acceso os dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con arborado
 

Destaca a vontade de que a Cidade de San Caetano sexa un exemplo en canto á funcionalidade e eficiencia enerxética, así como a solución axardinada proposta para as cubertas
 

Incide na integración paisaxística e na reurbanización da contorna, en especial entre os novos edificios e as instalacións do servizo de bombeiros, na que se proxecta a 2ª fase da Cidade de San Caetano que quedará, mentres tanto, como espazo público ao servizo dos cidadáns
 

Subliña que a futura Cidade de San Caetano mellorará a atención aos cidadáns, modernizará o espazo de traballo para preto de 700 empregados públicos, aforrará máis de 1,1 M€/ano en alugueres e achegará valor engadido a todo este ámbito da cidade
 

Avanza o investimento de 1,6 M€ na remodelación da rúa Rodríguez de Viguri, integrándoa na Cidade de San Caetano e preparándoa para acoller unha parada de transporte público, ao tempo que será o treito final da senda que impulsa a Xunta entre O Milladoiro e San Caetano

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta comezará en primavera a reordenación da contorna da antiga estación de autobuses de Santiago, cun investimento de 36,2 M€ na cidade de San Caetano e a reforma da rúa Rodríguez de Viguri.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse esta mañá á parcela que durante 50 anos albergou a estación de autobuses da cidade, para informar da licitación, hoxe, da 1ª fase das obras da futura Cidade de San Caetano.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle o inicio da contratación desta obra por 33,8 M€. Este importe, apuntou a conselleira, sumado á redacción do proxecto e outros conceptos subirá ata os 34,6 M€, un investimento público que, por si mesmo, axudará á dinamización da economía e levará aparellados máis de 500 empregos, resaltou.

 

A titular de Infraestruturas da Xunta explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas a estas obras, que teñen un prazo de execución de 18 meses e que se espera empecen a desenvolverse na vindeira primavera.

 

Deste xeito, tal e como destacou, será na primavera cando empece a tomar forma a futura Cidade de San Caetano, coa execución da 1ª fase dun gran centro de actividade administrativa, que concentrará nun único espazo servizos da Xunta agora espallados pola cidade.

 

Dese xeito, indicou a conselleira, conseguirase mellorar a atención aos cidadáns, renovar e modernizar o espazo de traballo para preto de 700 empregados públicos e evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 M€/ano. Ademais, subliñou, de achegar valor engadido a todo este ámbito da cidade, procurando a súa ordenación e a máxima integración estética.

 

Neste sentido, destacou a implicación da Xunta por facer cidade en Compostela, como se fai, tamén, coa reforma da sede do edificio histórico de Mazarelos.

 

Funcionalidade, eficiencia enerxética e reurbanización

A titular de Infraestruturas explicou que esta 1ª fase da Cidade de San Caetano comprenderá a construción dos dous primeiros módulos do edificio, cunha superficie útil de máis de 12.000 m² e unha configuración flexible, adaptable a diferentes usos e incluíndo, en todo caso, espazo para instalacións, almacéns e arquivos.

 

Concretou o deseño dos módulos, que seguen un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que conectará os distintos usos e niveis dando acceso os dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con árbores. Os edificios distribuiranse en catro andares, dous por baixo e dous por riba da cota do acceso principal desde a praza de Camilo Díaz Baliño.

 

Entre outros aspectos da intervención, Vázquez Mourelle destacou a solución axardinada proposta para as cubertas e a vontade de que a Cidade de San Caetano sexa un exemplo en canto á funcionalidade e eficiencia enerxética.

 

Precisou así que, en coherencia coas obras impulsadas pola Xunta para mellorar o illamento térmico dos edificios orixinais de San Caetano, actualmente en execución no Edificio de Espellos, tamén nas novas instalacións primará a procura da máxima eficiencia enerxética, seguindo os principios do Nearly Zero Building. Trátase, dunha técnica construtiva que procura a xeración de enerxía case autónoma, cunha instalación de xeotermia e paneis solares fotovoltaicos na cuberta.

 

Ethel Vázquez salientou que nesta obra da Xunta prestarase especial coidado á integración paisaxística e á reurbanización do espazo público da contorna, con moita atención ao ámbito entre os novos edificios e as instalacións do servizo de bombeiros. Esa zona, na que se proxecta o desenvolvemento futuro da 2ª fase da Cidade de San Caetano, quedará, mentres tanto, como espazo público ao servizo dos cidadáns, dixo.

 

Investimento de 1,6 M€ na rúa Rodríguez de Viguri

A titular de Infraestruturas informou que de forma complementaria a estas obras, e abundando no obxectivo de contribuír á ordenación urbana de Santiago, a Xunta vai licitar nas vindeiras semanas a intervención de reforma da rúa Rodríguez de Viguri.

 

Segundo expresou a conselleira, o obxectivo da Xunta é adaptar esa rúa á estética da recentemente reformada avenida de Lugo, integrala neste proxecto da Cidade de San Caetano e preparala para a súa nova funcionalidade como parada de transporte público, unha vez trasladada a actividade da estación de autobuses á intermodal. A este respecto, lembrou que moitos cidadáns e moitos traballadores públicos baixan e suben do autobús na rúa Rodríguez de Viguri e o obxectivo da Xunta é que se fagan nas mellores condicións.

 

Para iso, adiantou, vanse investir 1,6 M€ na remodelación desa rúa, que vai ser, ao mesmo tempo, o treito final da gran senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e San Caetano que está a impulsar a Xunta.

 
Ethel Vázquez salientou o papel do Goberno galego como parte activa para construír o presente e do futuro da cidade. Puxo de exemplo a estación intermodal, convertida en só un ano e medio en peza central e esencial da vida urbana, grazas a un investimento de 16 M€, e a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Compostela, con 12,5 M€ investidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2022