O Parque Nacional das Illas Atlánticas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible coa súa incorporación á Asociación de Ecoturismo de España

Comparte a filosofía, os obxectivos e a liña de traballo da AEE de cara a apostar polo ecoturismo como a estratexia máis beneficiosa para valorizar os recursos naturais e culturais dos espazos naturais
 

Tamén está adherido á Carta Europea de Turismo Sostible e, ademais, conta coa distinción de Destino Turístico Starlight

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2022 A asemblea xeral da Asociación Ecoturismo de España (AEE) ratificou a incorporación do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia a esta entidade, unha asociación sen ánimo de lucro creada en 2010 para fomentar o turismo sostible nos espazos protexidos.

 

É o primeiro parque nacional como tal que se incorpora a esta asociación como representante dunha administración pública que xestiona este espazo natural, que, neste caso, é a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Con esta incorporación o Parque Nacional das Illas Atlánticas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible e a preservación da súa riqueza ambiental paisaxística e cultural.

 

Nesa liña cómpre lembrar que tamén está adherido á Carta Europea de Turismo Sostible, unha iniciativa de la Federación Europarc, que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo sostible nos espazos naturais protexidos de Europa. E, ademais, conta coa distinción de Destino Turístico Starlight, o que supón o recoñecemento da calidade dos seus ceos, o seu compromiso coa preservación das súas condicións de pouca luz e a existencia de iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo como unha parte esencial da natureza.

 

Aposta polo ecoturismo

Ademais do parque nacional, tamén se incorporaron a esta asociación a Comarca de Somontano Barbastro, a Asociación para o Desenvolvemento Integral do Val do Ambroz, a asociación de empresas de turismo activo de Euskadi (Aktiba) e o Grupo de Acción Local de Liébana

 

Todas estas entidades comparten a filosofía, os obxectivos e a liña de traballo da AEE de cara a apostar polo ecoturismo como a estratexia máis beneficiosa para valorizar os recursos naturais e culturais dos territorios nos que se desenvolve e promover o desenvolvemento local sostible.

 

De feito, a AEE está composta principalmente por entidades xestoras de espazos naturais, administracións públicas implicadas na xestión turística destes, entidades de innovación (universidades, fundacións), empresas de innovación turística e tecnolóxica, asociacións de empresarios de turismo localizadas nestes espazos e empresas turísticas comprometidas coa conservación e o desenvolvemento local.

 

Ademais, a AEE xestiona o Clube Ecoturismo en España, unha iniciativa pioneira que ofrece experiencias de ecoturismo en espazos naturais protexidos, garantindo ao viaxeiro a súa contribución ao desenvolvemento local e á conservación da biodiversidade. Actualmente agrupa 27 destinos e preto de 700 empresas.

Data de actualización: 06/12/2022