A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca

A Xunta constata que as chuvias de novembro permitiron superar a situación de prealerta por escaseza de auga en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

Desactívase ese nivel de risco de abastecemento que se mantiña aínda no sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña pola situación do encoro de Cecebre, así como no eido dependente dos encoros de Baiona e Zamáns
 

O nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa, de competencia da Xunta, sitúase no 74,3%, cunha ocupación que supera en case 4,4 puntos á do ano anterior
 

As chuvias do mes de novembro foron un 50% superiores á media da serie histórica, con especial incidencia no suroeste de Galicia
 

O incremento de precipitacións permite desactivar tamén a situación de seca prolongada nos sistemas do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; costa de Pontevedra; río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); Xallas, costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e costa da Coruña ata Arteixo; e río Anllóns, costa da Coruña ata límite de Arteixo

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022 A Xunta constata que as chuvias do mes de novembro permiten superar a situación de prealerta por escaseza de auga en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participan tamén Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, na que se confirmaron as expectativas de melloría dos indicadores de seca prolongada e de escaseza conxuntural.

 

Seguindo o establecido no Plan de seca de Galicia-Costa, na xuntanza de hoxe avaliouse a situación, dunha banda, en función das precipitacións rexistradas e, doutra banda, en función das reservas de auga dispoñibles para o abastecemento.

 

As precipitacións rexistradas no conxunto da comunidade no mes de novembro foron un 50% superiores aos valores medios, e as previsións para o mes de decembro apuntan á normalidade, sendo este mes o máis chuvioso do ano no clima galego.

 

En relación coas reservas de auga dispoñibles de abastecemento, na xuntanza de hoxe confirmouse que a evolución dos caudais dos ríos, ademais de manterse, experimentaron unha importante melloría.

No que se refire á auga embalsada, o nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa, de competencia da Xunta, sitúase no 74,3%, cunha ocupación superior de case 4,4 puntos, con respecto á rexistrada no mesmo período do ano anterior.

 

Estes valores permiten a saída da situación de escaseza por seca, un nivel de risco de abastecemento que se supera, acadándose a normalidade en toda a demarcación de Galicia-Costa. En concreto, a finais de novembro o sistema do río Mero, Arteixo e ría da Coruña recuperaba os niveis que lle permitiron saír do escenario de prealerta por escaseza. O nivel de ocupación do encoro de Cecebre xa se atopa case ao 63%.

 

Tamén pasan á normalidade os subsistemas de Baiona e Zamáns, no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, confirmándose a última valoración da Oficina Técnica da Seca. Os encoros de Zamáns e de Baiona están ao 91,3% e o ao 92,8%; respectivamente. Estes encoros abastecen aos concellos de Nigrán e de Baiona, ademais de a unha parte do concello de Vigo.

 

Doutra banda,  á vista dos indicadores e á melloría da situación rexistrada, no encontro de hoxe determinouse a desactivación da declaración de estado de seca prolongada a 8 novos sistemas de Galicia-Costa, que xa tiña acadado o sistema da Mariña luguesa e na zona de Ortegal e Cedeira.

 
Deste xeito, os novos sistemas, que pasan a situación de completa normalidade, son: río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona; Costa de Pontevedra; río Lérez e Ría de Pontevedra; río Umia e Ría de Arousa (marxe esquerda); Xallas, Costa da Coruña e Ría de Corcubión; río Castro; río Grande, Ría de Camariñas e costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e río Anllóns, costa da Coruña ata límite de Arteixo. No resto dos sistemas de Galicia-Costa mantense a seca prolongada, á espera da consolidación dos bos indicadores favorables.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2022