A Xunta e a industria conserveira de produtos do mar impulsarán en 2023 varias accións a prol da internacionalización e a competitividade do sector

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e Anfaco-Cecopesca para a promoción e mellora da comercialización das conservas de peixes e mariscos ao longo do próximo ano
 

O Goberno galego destina a este acordo máis de 170.000 euros e estará vixente desde a súa sinatura ata o 30 de novembro de 2023
 

Esta colaboración inclúe diferentes actuacións de difusión da conserva de produtos do mar para favorecer a actividade das empresas galegas e o seu desenvolvemento co fin de manter o liderado deste sector en Europa e o seu potencial a nivel mundial
 

Entre as actividades a realizar ao abeiro deste convenio están a XI Conferencia mundial do atún-Tuna Vigo 2023, tres xornadas de diferentes temáticas relacionadas co sector e a participación en eventos e feiras nacionais e internacionais para a posta en valor dos beneficios nutricionais e a versatilidade gastronómica das conservas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de novembro O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos Anfaco-Cecopesca para a promoción e mellora da comercialización das conservas de produtos do mar no 2023 co obxectivo de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento a nivel internacional.

 

Esta colaboración estará vixente desde a sinatura do convenio ata o 30 de novembro de 2023 e conta cunha aportación por parte da Xunta de Galicia de 173.785 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), aos que se suman outros 173.785 euros aportados por Anfaco-Cecopesca. Con ese orzamento desenvolveranse distintas accións de promoción e difusión da calidade das conservas de produtos do mar co fin de favorecer o crecemento do sector e de que poida manter a súa posición como principal produtor de conservas de Europa e segundo do mundo, así como superar os retos e desafíos do contexto socioeconómico actual e do futuro.

 

Unha das accións a realizar ao abeiro deste convenio é a XI Conferencia mundial do atún-Tuna Vigo 2023, prevista para os días 14 e 15 de setembro coa finalidade de analizar a situación actual e perspectivas futuras da conserva de atún, que representa máis do 60% do volume total da produción da industria conserveira galega.

 

Outras iniciativas que abarca esta colaboración son tres xornadas de diferentes temáticas como a transformación dixital, o Pacto Verde, a seguridade alimentaria e nutrición, a I+D+i ou a internacionalización co fin de poñer a disposición do sector ferramentas que lle permitan mellorar a toma de decisións e a súa planificación estratéxica.

 

Feiras

A participación en eventos e feiras nacionais e internacionais para a promoción dos valores nutricionais e a versatilidade gastronómica das conservas é outra das liñas que se promoven con este convenio. Un exemplo é Madrid Fusión 2023, que terá lugar do 23 ao 25 de xaneiro, e onde a industria conserveira galega se promocionará nun expositor e con demostracións de cociña en directo e degustacións. Este evento é un dos congresos gastronómicos máis importantes do mundo, nel participan varios profesionais da cociña a nivel internacional, pon en valor distintas cociñas do mundo e fomenta o debate sobre a gastronomía e ámbitos relacionados con ela.  

 

O convenio tamén inclúe a celebración de showcookings, obradoiros, degustacións en eventos e festas gastronómicas, puntos de venda e eventos deportivos, entre outros, co obxectivo de promover o potencial culinario das conservas e enxalzar Galicia como gran embaixadora da dieta atlántica.

 

A maiores, grazas a esta colaboración, tamén se realizará material de promoción en distintos idiomas coa finalidade de promover o consumo e aumentar o coñecemento sobre as conservas de peixe e marisco. Tamén se dará continuidade á dixitalización da documentación, fotografías, diapositivas e documentos da colección do Museo Anfaco e reeditarase e reimprimiranse tanto un libro gastronómico sobre as conservas de peixe e marisco elaborado no 2022 para poñer en valor a elaboración de receitas a base destes produtos como a publicación As conservas e a publicidade na colección do Museo Anfaco.

 

A Consellería do Mar e Anfaco asinan este tipo de colaboración ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca desde 2015 destinando a ela desde entón, xunto coa de 2023, un total de máis de 1,1 millóns de euros.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/12/2022