Nava Castro destaca o éxito do programa 'O teu Xacobeo', ao que o goberno galego destinou 9,5 millóns de euros e no que se levaron a cabo 700 proxectos en toda Galicia

Trátase dunha pioneira convocatoria de axudas creada no ano 2019 co obxectivo de involucrar á poboación galega na celebración do dobre Ano Santo a través de proxectos que xiren en torno ao Ano Santo

Nas actividades implicáronse asociacións, entidades públicas e privadas, o que permitiu abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nun acto onde deu conta do balance que deixou na nosa comunidade o programa O teu Xacobeo, unha convocatoria de axudas creada no ano 2019 co obxectivo de involucrar á poboación galega na celebración do dobre Ano Santo 2021 – 2022 a través de proxectos socioculturais que xiraron en torno á temática do Xacobeo. A Xunta destinou a esta iniciativa  máis de 9,5 millóns de euros que, no conxunto das tres edicións, beneficiaron a case 700 proxectos.

 

En total, houbo máis de 2.100 solicitudes grazas ás que a celebración do Xacobeo chegou a máis de 220 concellos das catro provincias galegas. Nas actividades implicáronse asociacións, entidades públicas e privadas, o que permitiu abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar.

 

Grazas a este programa, leváronse a cabo diversidade de actuacións para a celebración do Xacobeo en todo o territorio a través de proxectos, que apostan por formatos pequenos, e pola dixitalización, e que abarcaban diferentes ámbitos como o social, deportivo, cultural ou audiovisual.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor o éxito desta iniciativa, gracias a cal se financiaron case 700 iniciativas, das cales 307 tiveron lugar na Coruña, 193 en Pontevedra, 115 en Lugo e 74 en Ourense.

 

Terceira edición

A terceira edición do programa tivo lugar entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2022, para o que se convocaron dúas liñas de axuda, unha para persoas físicas, xurídicas e pemes por valor de 500.000 euros e outra a entidades sen ánimo de lucro públicas ou privadas, por valor de 1 millón de euros. Dun total de 489 solicitudes recibidas, foron concedidas 117 subvencións das cales 56 foron proxectos da provincia de A Coruña; seguida de Pontevedra con 35; Lugo con 17; e Ourense, con 9. Cabe destacar neste senso que a execución do programa nesta terceira edición foi case do 100%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2022