A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe a un usuario deste servizo

A Xunta incrementa o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ao que destinará o vindeiro ano o investimento récord de 112 millóns de euros

Este esforzo orzamentario permitirá incrementar o número de horas á disposición dos Concellos e aumentar a achega autonómica ata chegar aos 12€/hora

O Goberno galego adianta un ano o compromiso de lexislatura que tiña fixado coa Fegamp para subir progresivamente a financiación e xa o aplicará a partir de xaneiro

A Administración autonómica incrementa así os fondos destinados a este servizo municipal nun 24%, ao pasar dos 9,7 €/hora do inicio da lexislatura ata os 12 actuais

Mos (Pontevedra), 9 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que a Xunta de Galicia incrementará o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 12€/hora para adiantar o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal. Fíxoo esta mañá nunha visita a un usuario en Mos na que estivo acompañada da alcaldesa Nidia Arévalo. 

 

Fabiola García explicou que o Goberno galego incrementará nun 10% o orzamento do Servizo de Axuda no Fogar para o vindeiro ano ata chegar á cifra récord de 112 millóns de euros. Este aumento permitirá poñer máis horas á disposición dos concellos e incrementar a achega autonómica a este servizo. Segundo o acordo chegado coa Fegamp no ano 2021, a Xunta incrementaría o financiamento deste servizo progresivamente durante a lexislatura chegando aos 12€/hora no 2024, unha cantidade que o Goberno galego adiantará xa a este mes de xaneiro.

 

A conselleira puntualizou que deste xeito a Xunta incrementará o financiamento deste recurso nun 24%, ao pasar dos 9,7 €/hora do inicio da lexislatura ata os 12 actuais. Nesta liña, destacou que Galicia é unha referencia a nivel nacional neste servizo ao chegar a máis de 25.000 usuarios en toda a comunidade. Así mesmo, Fabiola García recordou que para ofrecerlle uns servizos de calidade aos cidadáns é fundamental a colaboración institucional. Por iso, lamenta que mentres a Xunta continúa a reforzar a súa colaboración cos concellos, o Goberno central siga a incumprir a Lei de dependencia que lle obriga a sufragar nun 50% os gastos nesta materia. Nestes momentos o reparto segue a ser dun 70% a Administración autonómica e dun 30% a estatal.

 


Servizos de proximidade

A Xunta de Galicia continúa a impulsar servizos que lle permitan aos maiores vivir no seu lugar de sempre e estar ben atendidos. Con este obxectivo puxo en marcha o programa de Coidados porta a porta, con servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100% gratuítos e que xa atendeu a máis de 26.000 persoas; a teleasistencia, que pronto chegará aos 10.000 usuarios e pon a tecnoloxía á disposición dos maiores e ofrécelles axuda e seguimento con só pulsar un botón; ou as máis de 100 casas do maior que ofrecen coidado diúrno, atención e actividades a persoas maiores que viven en concellos pouco poboados de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2022