A Xunta remata a mellora de pistas en Carboentes, no Concello de Rodeiro, e proxecta unha actuación similar en Pescoso co Plan de Infraestruturas Rurais

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Rubén Quintá, supervisou esta actuación, orientada á pavimentación de vías na contorna agrícola desta parroquia, a segundo máis poboada e cun forte peso agrogandeiro

O Concello de Rodeiro recibiu 520.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en ata catorce núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, xa que nun municipio como Rodeiro son fundamentais para o desenvolvemento da súa economía”, sinala o representante autonómico

Rodeiro, 9 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de rematar coa mellora de pistas municipais na parroquia de Carboentes, no Concello de Rodeiro, cun investimento de 48.000 euros ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2022.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da conclusión destes traballos nunHa visita de supervisión a esta actuación de acondicionamento de pistas de uso agrícola xunto ao xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e outros representantes municipais.

“Os veciños xa teñen á súa disposición esta actuación viaria de carácter eminentemente rural coa que lle damos continuidade aos moitos investimentos impulsados pola Xunta nesta materia no municipio de Rodeiro, xa que recentemente melloramos con estes plans as pistas de Vistuíde e A Torre, nas parroquias do Az e Guillar, por só citar os exemplos máis cercanos, e imos darlle continuidade a estas accións, posto que xa proxectamos a mellora do lugar do Coto, en Santa Mariña de Pescoso, cos fondos do novo PIR”, detallou o representante autonómico.

A mellora realizada en Carboentes consistíu na dotación dunha nova capa asfáltica ata deixala en perfectas condicións e a preparación de limpeza das cunetas co obxectivo de facilitar a mobilidade dos vehículos, especialmente os adicados a tarefas agrogandeiras, xa que cómpre sinalar que Carboentes é a segunda parroquia máis poboada do municipio e conta cun forte peso do sector primario.

“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Rodeiro, son fundamentais e imprescindibles para a súa economía”, explicou o representante autonómico, que salientou que a Xunta incrementou o último ano as dotacións dos plans Marco e PIR para este concello nun 21%.

Deste xeito, o Concello de Rodeiro ten recibido, ao longo do último lustro, 520.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais de carácter rural a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais.

Con estas achegas, favoreceuse a modernización de máis dunha quincena de pistas, moitas delas cun importante tránsito agrogandeiro, pertencentes a máis dunha decena de parroquias ou lugares do termo municipal, como A Ponte, Fornas, Barbeitos, O Carballo, Mourigás, Padín, Vilameá, Lamademena, Suíme, Río, Vistuíde, Mamoelas, Calque, Carboentes ou A Torre.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/12/2022