A Xunta comparte coa asociacion AMIPA de Rois o labor do servizo de prevención e extinción de incendios

O director xeral de Defensa do Monte encargouse de recibir a representantes da asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar no Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais

Así, puideron coñecer de primeira man o funcionamento do dispositivo antiincendios, abrindo a porta a posibles colaboracións futuras

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023 
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, recibiu no Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais a representantes da asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar (AMIPA). Durante esta visita, púxose en valor o Servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia.

Esta asociación acompaña e presta apoio a persoas adultas con discapacidade nunha contorna rural, e está interesada en coñecer recursos e contribuír a sensibilizar sobre o coidado e protección do medio. Nesa liña, o presidente, a directora-xerente e a coordinadora e traballadora social de AMIPA agradeceron a posibilidade de coñecer de primeira man o traballo do Centro de Coordinación e os medios dos que dispón. Ademais, puxéronse sobre a mesa posibles colaboracións para que os usuarios de AMIPA poidan coñecer máis a fondo os servizos de prevención.

AMIPA xestiona un centro de atención diúrna para persoas con discapacidade intelectual en Rois, no Centro Ocupacional de Sorribas, no que participan 24 usuarios con discapacidade. Entre as actividades que desenvolve AMIPA atópase unha horta ecolóxica na Casa Reitoral de Sorribas, para que os usuarios do centro poidan participar de forma activa coa contorna rural que os rodea. O seu obxectivo é respectar o ritmo da terra e manter unha horta sostible, equilibrada e con responsabilidade social e ambiental.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 08/01/2023