A Xunta impulsa unha rede de seguimento de bolboretas nos parques Monte Aloia, Corrubedo e Xurés que dará información clave sobre o estado dos seus hábitats

Os tres espazos naturais destacan por concentrar unha grande diversidade deste lepidóptero, que é un dos bioindicadores ambientais máis empregados a nivel internacional para obter datos sobre a conservación e a saúde da biodiversidade

O pasado verán impartíronse cursos formativos para persoas dispostas a participar como voluntarios na elaboración de censos e mostraxes sobre o terreo

Tamén se elaboraron tres folletos monográficos sobre as bolboretas presentes en cada espazo natural que estarán dispoñibles este mesmo mes na páxina web da Consellería e nos centros de interpretación dos tres parques en formato papel

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia está a traballar no deseño e posta en marcha dunha rede de seguimento de bolboretas nos parques naturais Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregán e Vixán, e Baixa Limia-Serra do Xurés, tres espazos cunha presenza importante deste tipo de insectos que supoñen un bo indicador ambiental á hora de detectar posibles cambios nos ecosistemas e cuxo seguimento, polo tanto, resulta de grande interese.

De feito, as bolboretas están consideradas como unha das especies de fauna e flora que requiren dunha atención especial debido á súa importancia ecolóxica xa que se trata dun dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial.

Partindo desta premisa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu impulsar este ano un programa de seguimento de bolboretas en tres dos seis parques naturais de Galicia que, apoiado nunha rede de voluntariado, permita actualizar e mellorar o coñecemento existente sobre as poboacións destes insectos en cada un dos referidos espazos naturais.

Como primeiro paso, o pasado verán expertos da Sociedade para a Conservación e o Estudo das Bolboretas en España (Soceme) impartiron tres cursos formativos —un en cada parque— dirixidos a persoas interesadas nestes lepidópteros e dispostas a colaborar na elaboración de censos específicos que permitan estudar tendencias e establecer indicadores que poidan axudar á súa conservación, ao tempo que se obtén un coñecemento moi valioso sobre o estado da biodiversidade destes tres espazos naturais a través do estudo dos seus insectos e hábitats.

Grazas a estas accións formativas, que incluíron talleres de identificación de bolboretas, a Consellería xa conta cunha rede de voluntarios ambientais dispostos a participar na elaboración dos primeiros censos.

A tal fin, definiranse en cada parque diferentes transectos ou percorridos, de entre 1 e 2 quilómetros e escollidos pola representatividade deste grupo biolóxico, co fin de que cada 15 días as persoas que colaboran no proxecto realicen o traxecto tomando notas sobre os exemplares e especies que avisten.

Este labor de mostraxe será clave para elaborar os referidos censos polo que a Xunta ten pensado repetir a formación realizada o pasado verán co fin de sumar novos voluntarios a esta iniciativa de ciencia cidadá.

Así mesmo, no marco deste mesmo proxecto, o Executivo autonómico tamén elaborou tres folletos divulgativos nos que se recollen de forma moi visual e compendiada as variedades máis presentes e características de cada un dos parques seleccionados.

Cunha tirada inicial de 750 exemplares, en galego e en castelán, estas guías estarán dispoñibles en papel no mes de xaneiro nos centros de interpretación de Monte Aloia, Corrubedo e Xurés para ser repartidas entre os visitantes, e tamén se poderán consultar en formato dixital na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O programa, impulsado de forma pioneira nos tres parques naturais referidos e que terá continuidade en 2023 coa previsión de elaborar os primeiros censos a partir de primavera, está cofinanciada nun 80 % con fondos europeos FEDER.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/01/2023