A Xunta convoca a cuarta edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia

O obxectivo é galardoar aos autores de proxectos de obra nova e de rehabilitación rematados na Comunidade galega entre os anos 2020 e 2022

O recoñecemento á traxectoria profesional terá dúas categorías: unha que premiará a un arquitecto e a outra, como novidade, a un aparellador ou arquitecto técnico

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia premiará os mellores traballos rematados entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022 a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dun arquitecto e dun aparellador ou arquitecto técnico destacados.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destes galardóns por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) na que será a súa cuarta edición, despois das tres primeiras realizadas nos anos 2016, 2018 e 2020.

O obxectivo destes premios é contribuír a impulsar a excelencia da arquitectura e da rehabilitación galegas recoñecendo a calidade das edificacións rematadas entre 2020 e 2022, tanto de obra nova como de rehabilitación. Destacan os premios especiais de sustentabilidade, co que se busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente en consonancia cos programas europeos, e o reservado á traxectoria profesional, un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

Os galardóns, que estarán dotados en total con 30.000 euros, terán as seguintes modalidades e premios económicos.

1. Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á construción orixinal. Dotación económica: 6.000 euros.

2. Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 euros.

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios Especiais. O xurado poderá outorgar tamén premios correspondentes a dúas categorías especiais. Por un lado, o galardón á sustentabilidade, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medio ambiente, os recursos e as xeracións futuras, e dotado con 6.000 euros. E polo outro, os premios á traxectoria profesional, un recoñecemento á meritoria traxectoria a favor da arquitectura, no territorio galego, que outorgará o xurado en base ás propostas formuladas polas entidades que o integran.

Nesta edición e como novidade, o premio á traxectoria profesional terá dúas categorías, dotadas con 6.000 euros en cada caso. Como en edicións anteriores, unha delas servirá para premiar a un arquitecto, e a outra, a un aparellador ou arquitecto técnico.

Poden optar a estes premios os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre 2020 e 2022 dentro do territorio de Galicia e cuxos autores sexan arquitectos. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.

A presentación das candidaturas será realizada por parte de algunha das institucións integrantes do xurado, que estará presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes de: IGVS; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción; e Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.

Pódese consultar máis información sobre os premiados nas edicións anteriores na web dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia.

Data de actualización: 09/01/2023