O DOG publica a orde de axudas para actuacións de mellora nos establecementos de aloxamento e restauración galegos que este ano se incrementan nun 75%

O obxectivo principal destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas destes establecementos co fin de consolidar unha oferta turística de calidade


Os aloxamentos poderán contar con 2,7 millóns de euros, un 125% máis que no ano 2022. O importe destinado aos locais de restauración mantense nos 800.000 euros da anterior convocatoria


As solicitudes presentaranse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde establece as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración galegos por importe de 3,5 millóns de euros, o que supón un  incremento dun 75% respecto a convocatoria do pasado ano.

 

O obxectivo principal destas axudas é incentivar a mellora das instalacións e infraestruturas destes establecementos co fin de consolidar unha oferta turística de calidade, xa que o sector turístico ten un gran valor estratéxico na economía galega. Os aloxamentos poderán contar cunha axuda de 2,7 millóns de euros, un 125% máis que no ano 2022. O importe destinado a locais de restauración mantense nos 800.000 euros da anterior convocatoria. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 60% e o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 60.000 euros.

 

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares dos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos; así como as empresas de restauración. É preciso que estes establecementos teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, o establecemento turístico para o que se solicita a axuda. No caso de empresas, deberán ser pequenas ou medianas empresas.

 

Deberá acreditarse a propiedade dos inmobles obxecto da actuación que autorice á persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante tres anos contados dende a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o cal se solicita a subvención non inferior á 5 anos á data de solicitude da axuda.

 

Actuacións e gastos subvencionables

Poderán ser obxecto de subvención as actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; as obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística; as actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

Tamén poderán recibir axudas as actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación; equipamentos mobles necesarios para o funcionamento; actuacións de mellora da climatización, instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire; actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento; e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o vindeiro 14 de febreiro.
 
 
Data de actualización: 13/01/2023