Galicia incrementou este ano nun 30% as prazas formativas nas especialidades de saúde mental

A nosa comunidade conta, na actualidade, con máis servizos que nunca para atender a persoas con algunha doenza mental

Ao abeiro do Plan de Saúde Mental que a Xunta aprobou en 2020, efectuáronse novas contratacións que permiten contar con case 130 profesionais, para reforzar a sanidade pública galega

Desde que se activou este Plan de Saúde Mental, a Xunta ten incrementado en 10,3 millóns de euros o seu investimento anual en persoal de saúde mental

A nova lei para a provisión de prazas de difícil cobertura no eido sanitario permitirá convocar por concurso de méritos as prazas vacantes relacionadas cos programas do Plan de Saúde Mental, para axilizar así o obxectivo de 241 novos profesionais contratados en 2024

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2023

Galicia incrementou este ano en 11 o número de prazas formativas nas especialidades de saúde mental na oferta de formación sanitaria especializada. O conxunto de especialidades relacionadas coa saúde mental (psicoloxía clínica, psiquiatría e enfermaría especialista de saúde mental) suma na oferta deste ano un total de 46 prazas, un incremento de máis do 30% respecto ás 35 ofertadas o ano pasado.

 

En concreto, o incremento de prazas na especialidade de psiquiatría foi de catro respecto do ano anterior, para acadar un total de 16. Na especialidade de psicoloxía clínica, a oferta formativa final é de 13 prazas, cinco máis que o ano anterior. Tamén incrementouse a oferta formativa coa convocatoria dunha praza na nova especialidade de psiquiatría infantil e da adolescencia, especialidade esta de nova creación. Xunto ao anterior, na especialidade de enfermería de saúde mental a oferta é de 16 prazas, unha máis que o ano anterior.

 

A Xunta está a amosar coas súas medidas no campo da saúde mental o seu compromiso para facer fronte ao serio problema desta especialidade, como consecuencia da pandemia e do confinamento da poboación. Deste xeito, a Xunta aprobou en 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, dotado con 83 millóns de euros e coa previsión de contratar a 241 profesionais.

 

Ao abeiro do mesmo, xa se efectuaron máis da metade desas novas contratacións, o que permiten que o Servizo Galego de Saúde conte xa con case 130 profesionais máis para reforzar a atención á saúde mental en Galicia.

 

En particular realizouse a contratación de 38 profesionais da psiquiatría, 35 de psicoloxía clínica, 31 da enfermaría especialista en saúde mental (categoría creada por este goberno no ano 2016), 12 do traballo social e outros 11 doutras categorías como auxiliar de enfermaría ou terapia ocupacional.

 

Novas unidades

Estas contratacións teñen permitido, por exemplo, poñer en marcha novas unidades de saúde mental de adultos en Ordes, Oleiros, Tui ou Ponteareas, e botar a andar unidades específicas de atención a persoas en risco de suicidio en todas as áreas sanitarias. Antes da posta en marcha do Plan só había unha en Ourense.

 

Engadido ao anterior, a Xunta puxo en marcha nestes anos catro hospitais de día de saúde mental infantoxuvenil creados en Vigo, Santiago, Ourense e Lugo, rede que se completará con tres servizos máis nas cidades da Coruña, Ferrol e Pontevedra.

 

Finalmente, o pasado mes de decembro a Xunta licitou a contratación da obra da segunda Unidade de Hospitalización psiquiátrica Infanto Xuvenil de Galicia para pacientes agudos con ingreso. Situarase no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e conta cun importe da licitación que ascende a 1.493.709 €. Esta unidade será a segunda de Galicia e duplicará a capacidade de atención do sistema sanitario público galego para dar resposta aos casos que necesiten hospitalización con ingreso por patoloxía psiquiátrica aguda grave.

 

A creación desta nova unidade de hospitalización contará cunha dotación inicial de 12 profesionais cuxas prazas están previstas nos Orzamentos da Xunta para 2023. Desde que se activou este Plan de Saúde Mental, a Xunta ten incrementado en 10,3 millóns de euros o seu investimento anual en persoal de saúde mental.

 

Ademais, a nova lei para a provisión de prazas de difícil cobertura no eido sanitario impulsada pola Xunta e aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado ano permitirá convocar por concurso de méritos as prazas vacantes relacionadas cos programas do Plan de Saúde Mental para axilizar así o obxectivo de 241 novos profesionais contratados en 2024.

 

A consecuencia deste incremento en materia de recursos humanos ten tamén un impacto directo nas taxas de persoal, o que era un dos obxectivos principais do Plan. Así, a taxa de psicólogos clínicos pasou de 3,9 a 5 por cada 100.000 habitantes desde 2018 ata agora mentres que a taxa de psiquiatras medrou desde os 7,4 por 100.000 habitantes de 2018 ata os 8,4 actuais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023