O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde que incrementa o orzamento desta convocatoria autonómica, pola que se destinará a estes incentivos un investimento total de case 20,4 M€

A Xunta amplía en case 7,6 M€ o crédito das axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías

O prazo de presentación de solicitudes segue aberto nos mesmos termos establecidos na convocatoria inicial

Están dirixidas ao achatarramento de vehículos, á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono ou á modificación da forma de propulsión, así como á implantación de infraestruturas de recarga eléctrica

Os beneficiarios son as empresas privadas que realicen servizos de transporte de viaxeiros ou de mercadorías

Trátase de favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículo, o impulso da creación de puntos de recarga e a dinamización da actividade económica, incidindo na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se amplía en 7.574.288 euros o crédito para a concesión das axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, convocatoria na que se inclúen as axudas ás empresas que realicen transporte privado complementario. 

 

Unha vez efectuada esta ampliación, co incremento de case 7,6M€ no orzamento, o importe total destas axudas ascenderá a 20.392.726 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mediante este incremento do orzamento ten por obxectivo atender á importante demanda de solicitudes xa recibidas, manténdose os prazos de presentación de solicitudes aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destes incentivos lanzada o pasado mes de abril.

 

Os incentivos obxecto desta convocatoria concédense con cargo aos Orzamentos Xerais da Xunta, e se enmarcan nas subvencións concedidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Comunidade galega ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU para o 2022, este ano e o vindeiro 2024. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/kuemZR

 

Nas actuacións subvencionables na convocatoria inclúese o achatarramento de vehículos, a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, o retrofit’ ou modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

 

A Xunta deseñou este programa adaptándoo aos obxectivos reflectidos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, cara á incentivación a penetración das mellores tecnoloxías en canto á propulsión de vehículos industriais, especialmente de tecnoloxías de cero emisións no transporte, que redundará ademais nunha maior eficiencia no uso de recursos, diminución da dependencia a combustibles fósiles importados e maior competitividade das empresas nunha situación actual especialmente comprometida.

 

Nesa liña as axudas inciden na renovación do parque de vehículos, especialmente necesaria no caso de vehículos pesados de transporte de mercadorías, así como no impulso á reactivación do tecido industrial e do sector da automoción , así como no desenvolvemento do transporte intermodal como medio alternativo e complementario ao transporte por estrada.

 

De acordo convocatoria, o orzamento destinarase nun 45% ás actuacións vencelladas ao achatarramento de vehículos, destinándose un mínimo do 40% á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono. O orzamento restante repartirase entre o resto de actividades subvencionables e poderá ser redistribuído para adaptarse á evolución das axudas solicitadas en cada unha das actividades que comprende o programa.

 

Aos incentivos iniciais engádense os importes recollidos na nova orde. En concreto, se destinan ás actividade de achatarramento 3.408.429 €, e á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono 3.332.686 €. O importe das axudas para ás actividades de ‘retrofit’ ou modificación da forma de propulsión de vehículos, e para a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos é de 378.714 € para cada un destes conceptos. Á adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias destínanse 75.742 €.

 

Os prazos

O prazo para a presentación de solicitudes destas axudas estará vixente ata o 30 de abril de 2024, coa excepción das axudas destinadas á implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos, que rematará a o 31 de decembro de 2023.

 

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365 ).

 
As subvencións obxecto desta convocatoria serán incompatibles con outras subvencións ou axudas que puidesen concederse para a mesma finalidade, procedentes de calquera administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou de organismos internacionais. Tampouco poderán ser compatibles coas axudas dirixidas a municipios no marco do Plan de recuperación para a implantación de zonas de baixas emisións e para a transformación dixital e sustentable do transporte urbano nin con ningunha outra axuda europea.

Data de actualización: 16/01/2023