O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou hoxe o seminario ForManRisk, celebrado ao abeiro do proxecto europeo homónimo

A Xunta pon en valor o labor do CIF de Lourizán en prol da recuperación dos terreos afectados polos incendios

O seminario está organizado pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Universidade de Trás-osMontes e Alto Douro

Celébrase co fin de mellorar a rexeneración dos bosques fronte aos incendios forestais e os episodios de seca actuais

Compartir
  • whatsapp

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou hoxe o seminario ForManRisk -Forest Management and Natural Risks-, que deu comezo hoxe no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán. Este encontro, organizado pola Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con CIF de Lourizán e a Universidade de Trás-osMontes e Alto Douro, celébrase ao abeiro do proxecto europeo homónimo no que participan nove socios repartidos entre España, Portugal e Francia -un deles é o CIF de Lourizán- co fin de mellorar a rexeneración dos bosques fronte aos incendios forestais e os episodios de seca actuais. Na súa intervención, o director puxo en valor o labor que leva a cabo precisamente o CIF de Lourizán en prol da recuperación dos terreos afectados polos incendios.

 

A continuación, no seminario, no que participan tanto representantes das entidades organizadoras como da Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA), o Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya, a Office National des Forêts, a Deputación Provincial de Ávila e a empresa portuguesa Gistree, desenvolvéronse dúas charlas, unha sobre rexeneración natural do Pinus pinaster despois dos incendios e outra sobre o dilema entre conservación e aproveitamento de areeiros costeiros, en concreto, sobre o caso ibero-atlántico. Ambos coloquios foron impartidos polos investigadores Cristina Fernández e Francisco Javier Silva, pertencentes ao CIF de Lourizán.

 

Tras unha pequena pausa, a xornada rematará cunha visita guiada aos arboretos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en concreto ao seu arboreto tradicional e ao Reinfforce. Este último trátase dun proxecto promovido por un grupo de traballo composto por 11 centros e universidades de Gran Bretaña, Francia, España e Portugal que se uniron para estudar a evolución de diferentes especies arbóreas que proveñen tanto da zona atlántica e o mediterráneo como de Norteamérica nas que se ensaiaron técnicas silvícolas típicas de cada territorio.

 

O seminario continuará mañá e pasado en Portugal. Concretamente o mércores 18 a sesión de traballo celebrarase no Centro de Interpretación do Mundo Rural de Mogadouro, onde se abordarán diferentes aspectos do proxecto e se fará unha visita guiada á parcela piloto da sobreira da Associação de Produtores Agrícolas Tradicionais e Ambientais (APATA). Por último, o xoves 19, no campus da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), desenvolveranse diferentes charlas técnico-científicas sobre diferentes propostas relacionadas co proxecto ForManRisk.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 17/01/2023