Rueda anuncia que a Xunta convocará este mes novas axudas para o traballo autónomo con 20 M€ para apoiar novas altas e investimentos para a consolidación de negocios
Subliña que o obxectivo e chegar a “7.000 autónomos novos ou en proceso de mellora dos seus negocios”
Resalta que estas achegas se suman aos 30 M€ da nova liña Impacto Autónomo que se convocou hai unha semana e tivo un “gran éxito de solicitudes”
O Consello da Xunta informou hoxe sobre as bases dos programas Xempre Autónomo (12 millóns) e Bono Autónomo (8 millóns) que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días
Con Xempre Autónomo facilítase a posta en marcha de novas iniciativas empresariais con apoios que poden chegar aos 10.000 euros por persoa
O Bono Autónomo financia cun límite de 3.000 euros a consolidación de negocios
A Xunta investirá este ano preto de 60 millóns de euros para impulsar en Galicia o emprego autónomo co obxectivo de seguir creando novas oportunidades laborais na Comunidade Autónoma
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego convocará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG) dous novos programas de axudas dirixidos ás persoas traballadoras por conta propia dotados de 20 millóns de euros. O obxectivo é axudar “a 7.000 autónomos novos ou en proceso de mellora dos seus negocios”, indicou.
Rueda resaltou que “Galicia é a segunda comunidade con maior peso” dos autónomos sobre o total de afiliacións e lembrou que estas dúas novas liñas de axudas se suman ao investimento de 30 millóns da liña de Impacto Autónomo que se publicou a principios de mes, que “tivo moito éxito de solicitudes” e é unha iniciativa pioneira en todo o Estado.
Tal e como explicou o presidente, o Consello da Xunta informou hoxe sobre as bases dos programas Xempre Autónomo, que contará con 12 millóns de euros de orzamento, para apoiar o inicio de actividade; e do Bono Autónomo que, con 8 millóns, financiará investimentos para a consolidación dos negocios. Ao longo do exercicio, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocará o resto de programas destinados ás persoas traballadoras autónomas “que en total sumarán preto de 60 millóns de euros para 2023”, segundo explicou Rueda.
Con Xempre Autónomo, o Goberno galego, igual ca noutras edicións, apoiará as novas altas. Serán axudas cunha contía base de 2.000 euros, que poderán chegar aos 4.000 euros para persoas desempregadas menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade e, como novidade este ano, maiores de 55 anos. Estes importes poderán incrementarse nun 25 % se os beneficiarios son, entre outras casuísticas, mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou estranxeiros, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou a actividade empresarial é unha profesión en que as mulleres están subrepresentadas.
Con esta iniciativa, a Xunta prevé beneficiar unhas 3.500 persoas traballadoras por conta propia que se atopen sen emprego e desexen desenvolver a súa actividade profesional en Galicia como autónomas. O obxectivo das axudas é que os beneficiarios poidan facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da actividade laboral.
Como requisitos para acceder a estes apoios exixirase que as persoas traballadoras estean dadas de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.
En 2022, estes apoios chegaron a preto de 3.500 persoas traballadoras autónomas, para o cal a Xunta investiu 12 millóns de euros.
O Bono Autónomo
Con respecto ao Bono Autónomo, o programa ten como obxectivo apoiar a consolidación das autónomas e autónomos que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial con axudas de ata 3.000 euros dirixidas á realización de investimentos para a mellora da competitividade. O Bono Autónomo foi unha medida pioneira posta en marcha en Galicia no ano 2017 coa que se beneficiaron ata o de agora máis de 10.300 traballadores deste colectivo cun orzamento en seis anos próximo aos 23 millóns de euros. En 2023 estímase que se poidan conceder apoios a 3.500 persoas.
A iniciativa, en concreto, cofinancia o 80 % dos investimentos cun límite de 3.000 euros, e apoia, entre outros, a compra de maquinaria, enxoval ou ferramentas, adquisición de equipamentos informáticos, de equipamento para a oficina, rótulos, reformas do local, novas instalacións para a mellora da eficiencia enerxética, investimentos para a substitución de combustibles fósiles, o desenvolvemento de aplicacións informáticas ou páxinas web e/ou deseño da marca. Poderán financiarse os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2023 e ata o remate do prazo de presentación de solicitudes (29 de setembro de 2023).
O emprego autónomo é unha prioridade para a Xunta. Aos preto de 60 millóns de euros que se dedicarán este ano a apoiar este colectivo hai que engadir outros 18,2 millóns de euros que se reservan para impulsar o emprendemento facendo fincapé no medio rural, a través de fórmulas de economía social e microemprendemento autónomo, e por medio da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que se está a despregar por toda a xeografía galega.