A Xunta lembra que segue a disposición da cidadanía a oficina habilitada para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia

A oficina permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro en horario de 9:00 a 14:00 horas no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia

A esta oficina poderán achegarse os propietarios de predios xa adheridos ao regadío e os interesados en incorporarse

O Goberno galego xa executou todas as obras dos 40 novos pozos de sondaxe de auga previstos nesta bisbarra ourensá, para os que se consignou un investimento de preto de 6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2023 A Xunta informa de que ata o 31 de xaneiro estará aberta a oficina de Xinzo de Limia para informar dos avances na mellora e modernización do regadío aos propietarios das parcelas e ás comunidades regantes. A oficina permanecerá aberta horario de 9:00 a 14:00 horas no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia (Inorde).

 

O obxectivo da oficina é manter permanentemente informados de todos os avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes de Lamas Ganade, San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia. Os propietarios poden achegarse ata a oficina a entregar a documentación dos predios necesaria para a adhesión.

 

Cabe sinalar que o Goberno galego inviste preto de 6 millóns de euros nestes traballos de mellora e modernización do regadío destinados á construción de 40 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá. Desta forma, avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira na comarca da Limia, de referencia para o rural galego.

 

As actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 39 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego. Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case 6 millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 40 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural ante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos.

 
Ademais, cómpre engadir os máis de 1 millón de euros que destinou a Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, entre 2021 e 2023 para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.

Data de actualización: 21/01/2023