A Xunta analiza coa Asociación Galega de Medicina Familiar e comunitaria as reformas en marcha na atención primaria
A xerente do Sergas e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria recibiron a representantes desta sociedade científica para recoller as súas achegas para o desenvolvemento dos programas en marcha neste nivel asistencial
A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, mantiveron esta semana unha xuntanza con representantes da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) para analizar conxuntamente as reformas postas en marcha na atención primaria galega e recoller as suxestións desta sociedade científica.
As responsables da consellería de Sanidade abordaron coa presidenta de AGAMFEC, María José Fernández e coa vicepresidenta primeira da Sociedad Española de Medicina Familiar y Comunitaria (semFYC, na que se integra AGAMFEC), Susana Aldecoa, os distintos programas que o goberno galego está a desenvolver para introducir reformas que melloren o funcionamento da atención primaria.
A xuntanza serviu tamén para recibir achegas desta sociedade científica no desenvolvemento de programas e actuacións que potencien a capacidade docente e investigadora do persoal sanitario de atención primaria.
No ámbito investigador, AGAMFEC mostrou o seu interese polo impulso da investigación na atención primaria así como tamén pola introdución de diferentes iniciativas que faciliten o desenvolvemento dos traballos de investigación fin de residencia (TFR) realizados entre o persoal MIR e os seus titores.
O reforzo das unidades docentes foi outra das principais cuestións abordadas co obxectivo de reforzar o apoio a importante labor realizada polos titores e colaboradores docentes da especialidade de medicina familiar e comunitaria. A mellora dos sistemas de avaliación docente, así como o aumento da presencia desta especialidade na formación pregrado foron tamén cuestións tratadas.
Por último, no eido asistencial, valorouse a evolución do sistema de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) que se está implementando nos centros de saúde, as axendas de calidade, ou o desenvolvemento máximo das competencias das categorías de todos os membros do equipo de atención primaria. Neste senso, AGAMFEC mostrou o seu interese na pronta implantación de protocolos de xestión enfermeira da demanda para reforzar a resolución colaborativa dos proceso clínicos de baixa complexidade.