Rueda felicita ao RC Celta de Vigo por ser un símbolo da Comunidade dentro e fóra das súas fronteiras e por facer historia do fútbol, de Vigo e de Galicia

O presidente da Xunta interveu na inauguración da mostra ‘100 anos de Celta. Gol e arte’ exposta no Museo Mar de Vigo no marco dos actos do centenario do club

Vigo, 23 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicita ao RC Celta de Vigo por ser un símbolo da Comunidade dentro e fóra das súas fronteiras e por facer historia do fútbol, de Vigo e de Galicia. O mandatario galego, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, interveu hoxe na inauguración da mostra 100 anos de Celta. Gol e arte, exposta no Museo Mar de Vigo no marco dos actos do centenario do club.

 Rueda aplaudiu a integración entre fútbol e arte que amosa a mostra como exemplo de que a entidade deportiva é moito máis que un club de fútbol, xa que quixo contribuír á riqueza de Galicia como mecenas cultural. De feito, a exposición está formada por obras pertencentes ao fondo pictórico da Fundación Celta de Vigo e inclúe obras de Laxeiro, de Antón Pulido ou de Quintana Martelo.

O presidente da Xunta destacou as cores dunha exposición na que sobresae o celeste como símbolo dun Vigo e dunha Galicia aberta, moderna e global que aspira a triunfar no mundo. “O Celta, ao ser de Vigo, é de Galicia e de todos”, manifestou o mandatario galego, quen asegurou que o club cumpre cen anos “sendo historia do fútbol, de Vigo e de Galicia”.

Rueda non só deu os parabéns ao Celta, senón tamén as grazas por ser un “orgullo” para toda a sociedade galega pola súa historia, polos seus éxitos deportivos e por levar a bandeira de Galicia por todo o mundo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023