A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe estas obras da Xunta, froito da anticipación, planificación e axilidade, tras as intensas chuvias rexistradas no mes de decembro

Ethel Vázquez destaca que a Xunta investirá 1,1 M€ na obra de restitución completa da estrada PO-534 en Forcarei, que estará finalizada a comezos de abril

Vázquez Mourelle explica que a intervención se centra en substituír a tubaxe danada por un marco prefabricado de formigón, que garante maior capacidade e durabilidade

“Non escatimamos esforzos nin recursos para dar unha solución completa e segura”, incide

O 6 de febreiro prevese que chegue o marco prefabricado que se comezará a instalar sobre o terreo, para logo canalizar as augas, refacer o terraplén e repoñer o firme

Forcarei (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

Ethel Vázquez destacou hoxe que a Xunta investirá 1,1 millóns de euros na obra de emerxencia para a restitución completa da estrada PO-534 en Forcarei, que estará finalizada a comezos de abril.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe estas obras de reposición da tubaxe danada nas intensas chuvias rexistradas no mes de decembro, que se están a executar con “anticipación, planificación e axilidade”, dixo.

 

Detallou que esta intervención de emerxencia se centra en substituír a tubaxe danada por un marco prefabricado de formigón, que é máis amplo, máis sólido e, polo tanto, tamén garante maior capacidade e durabilidade.

Para poder cambiar a tubaxe, tal e como explicou a conselleira, é preciso realizar outros traballos de certa complexidade: fresar o firme; baleirar o terraplén, con escavación e conformación dun camiño de acceso; a retirada do tubo deteriorado; meter o novo marco de formigón; a reconstrución do terraplén e, xa ao final, firme e sinalización.

 

A actuación iniciouse coa demolición do firme na zona afectada, para o baleirado do terraplén e habilitar o camiño de acceso ata chegar á tubaxe. Tal e como puido constatar a conselleira na visita ás obras, o terraplén está totalmente desmontado e tamén se desviou a canle do regueiro para poder acometer os traballos.

 

O día 6 de febreiro está previsto que chegue o marco prefabricado que se comezará a instalar sobre o terreo. Para iso, previamente, haberá que encachar, facer unha base de pedra para logo formigonar. Unha vez colocado ese marco prefabricado polo se canalizarán as augas, será preciso facer os emboquilles laterais. Tamén se colocará unha tubaxe para a reposición dun servizo de regantes que se viu afectado. Finalmente, procederase a refacer o terraplén para poder repoñer o firme e a capa de rodaxe, e colocar de novo á sinalización.

 

Ethel Vázquez remarcou que a Xunta está actuando coa máxima axilidade posible para restablecer, canto antes, a circulación neste treito da PO-534 entre Cachafeiro e Folgoso, que foi preciso cortar. “Non escatimamos esforzos nin recursos para dar unha solución completa e segura”, incidiu.

 

Mentres se acometen as obras, existen desvíos habilitados para garantir a mobilidade da zona, a través da estrada da deputación que conecta a nacional coa contorna do campo de fútbol de Forcarei; e a través da propia N-541 ata Vilapouca, completando o percorrido pola estrada da Xunta PO-536 ata Cachafeiro.

 

Efectos do cambio climático

A conselleira sinalou que este é un exemplo máis dos efectos do cambio climático, dos temporais sufridos nos últimos meses en Galicia, cun exceso de choivas importantes logo dunha seca prolongada, que está a afectar ás estradas.

 

Salientou que a Xunta destinará arredor de 3,5 M€ a actuacións de emerxencia nos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas co obxectivo de reparar coa maior dilixencia e os desperfectos ocasionados polas intensas chuvias e reconstruír os sistemas de contención ou os noiros.

 

Recordou que o Goberno galego vén dedicando un enorme esforzo orzamentario á conservación e mellora da rede viaria, con máis de 50 M€ investidos cada ano, con medidas como o Plan de reforzos de firme, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade da Xunta.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade chamou a reflexionar ás administracións sobre a importancia de orientar e adaptar a conservación de estradas a este novo contexto climático, como xa está a facer a Xunta, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como dos muros e noiros, que son elementos moi sensibles ante os temporais, ademais de prestando especial atención á drenaxe transversal das estradas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2023