Galicia e Bretaña comparten coñecementos e experiencias para mellorar o seu sector lácteo

A delegación galega de visita na Bretaña francesa, encabezada polo conselleiro do Medio Rural, coñeceu esta tarde unha explotación leiteira que salienta polo aproveitamento enerxético que realiza do metano xerado polas dexeccións gandeiras


José González valorou o enfoque cara á economía circular que desenvolve esta granxa e lembrou que a Xunta aposta tamén por esta mesma liña de traballo


Mañá finalizará a viaxe da representación do Goberno galego, cunha xornada centrada na produción de pataca
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 202

3 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou esta tarde as instalacións da explotación leiteira GAEC Ker Laezh, na Bretaña francesa.

 

Esta granxa conta cun total de 160 vacas en produción e 170 hectáreas de terreo. Salienta polo aproveitamento enerxético que realiza do metano xerado polas dexeccións gandeiras. Isto confírelle a condición de explotación “metanizada”, integrada na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia, que conta con arredor de medio milleiro de granxas en todo o país galo.

 

O conselleiro valorou este enfoque, que cualificou como moi interesante e coherente coas políticas europeas centradas na aplicación da economía circular. Lembrou que a Xunta traballa nesta mesma liña, fomentando a correcta xestión e aproveitamento das dexeccións xeradas polas producións gandeiras.

 

Nesta iniciativa en particular participan tres explotacións, incluíndo a visitada hoxe pola delegación galega. Xuntas subministran electricidade a arredor de mil fogares e uns 2.500 habitantes. Ademais, aproveitan a calor xerada para secar a alfalfa que producen nas súas terras. Xunto coa planta de biogás, a granxa conta tamén cunha zona de almacenaxe de residuos, que permite reducir os desprazamentos e facilitar o transporte de dexeccións entre as explotacións participantes. Trátase de revalorizar desde o punto de vista agronómico estes residuos para o seu mellor aproveitamento, diversificando ao tempo os ingresos das granxas.

 

Cooperativa

Ademais, o titular da explotación é presidente dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) que aglutina un cento de socios, dos que uns 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo, ben alugando o material. Conta ademais cunha decena de empregados, entre condutores, técnicos e mecánicos. A maiores, a CUMA propiciou a posta en marcha dun proxecto relacionado coa produción de auga quente comunitaria, que facilita enerxía a edificios públicos mediante a venda dos restos de talas e/ou podas dos socios da cooperativa.

 

Neste contexto, José González puxo en valor o asociacionismo agrario que, recordou, é un dos eixos sobre os que pivota a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, unha folla de ruta para este eido produtivo que está aplicando a Xunta, en colaboración cos axentes da cadea de valor. No mesmo sentido, lembrou que a Consellería do Medio Rural convoca precisamente, con carácter anual, unha liña de axudas para fomentar o uso asociativo de maquinaria en común.

 

Intercambios

Na xornada de onte, o conselleiro e o director xeral mantiveron diferentes reunións de traballo de carácter institucional con autoridades rexionais, así como con representantes tanto da formación agraria como do sector expositivo gandeiro. Estes encontros serviron para reforzar a colaboración entre Galicia e Bretaña en materia de intercambios de experiencias e estadías de agricultores e gandeiros nas respectivas rexións, entre outras accións de cooperación.

 

Asemade, a delegación galega deu a coñecer o modelo agrogandeiro da nosa comunidade e a utilidade das parcelarias e das ferramentas da Lei de recuperación da terra para ampliar a base territorial das explotacións e propiciar a remuda xeracional no agro. Mañá finalizará a estadía das autoridades galegas na Bretaña, cunha xornada centrada na produción de pataca. Así, o conselleiro e o director xeral visitarán unha cooperativa de produtores de tubérculos e unha explotación de patacas de semente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2023