O titular da Xunta asiste á entrega a José Luis Gómez do Premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia

Rueda destaca o labor dos xornalistas na difusión da realidade galega porque contribúe a fomentar o sentimento de unión e comunidade entre a poboación

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o labor dos xornalistas na difusión da realidade galega porque contribúe a fomentar o sentimento de unión e comunidade entre a poboación. O mandatario galego afirmouno na súa intervención na entrega a José Luis Gómez do Premio Diego Bernal que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia.

 O titular do Goberno galego, que asistiu acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou a figura do homenaxeado, un xornalista que pertence a unha xeración de periodistas “á que lle debemos que Galicia se coñecera a si mesma”. José Luís Gómez foi testemuña das orixes do autogoberno galego e contribuíu desde a súa profesión á creación dunha comunidade e dun sentimento de pertenza “na que toda a cidadanía galega se sinte implicada”. Fíxoo, tal e como recordou Alfonso Rueda, primeiro como testemuña das vicisitudes da primeira fase da autonomía e, despois, como divulgador da actualidade galega e como experto en economía. E sempre, como articulista recoñecido polo seu coñecemento da realidade da que se ocupa e das claves que manexa. 

O mandatario galego destacou tamén a traxectoria de José Luis Gómez como executivo e impulsor de novos medios de comunicación que botaron man das novas linguaxes e dos novos soportes periodísticos. Un xornalismo sen cancelas pero que, a entender do presidente da Xunta, non renuncia nunca á súa galeguidade. 

Alfonso Rueda felicitou ao homenaxeado e desexoulle novos éxitos na súa carreira xornalística para seguir aportando novos e acreditados puntos de vista sobre o devir diario e a súa repercusión na sociedade galega desde a práctica dun periodismo veraz e independente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/01/2023