A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial
A Fundación Galicia Europa acolleu hoxe na capital comunitaria a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”
Expertos da Comisión, do Parlamento e da Representación Permanente de España en Europa, así como da Universidade de Santiago, debateron sobre o marco legal que está a elaborar a Unión Europea
Un estudio elaborado polas tres universidades públicas da nosa Comunidade destaca que Galicia estase situando como unha rexión precursora á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas
O alto funcionario da DG CONNECT da Comisión Europea Martin Ulbrich destacou a importancia dos estándares e códigos de conducta voluntarios para empresas e administracións como complemento da Lei europea de IA
A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”, promovida pola Xunta de Galicia, na que representantes da Comisión Europea, do Parlamento, do Goberno de España e da Universidade debateron sobre o papel das Comunidades Autónomas ante o desenvolvemento da intelixencia artificial.
O marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial debe incluír mecanismos sociais de control, segundo destacou Marcos Almeida. Neste sentido, defendeu a creación de escenarios de proba de sistemas de intelixencia artificial nos que a sociedade poida participar.