Unha vintena de estudantes noruegueses coñecen o sistema educativo galego no marco do programa de intercambios promovido por Xunta e USC

A actividade está financiada pola Xunta a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030

Conta coa participación dos institutos santiagueses Antonio Fraguas, Rosalía de Castro, Xelmírez I, Xelmírez II e do IES de Ames

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023 Unha vintena de alumnos noruegueses está a coñecer o sistema educativo galego no marco do programa de intercambio lingüístico promovido pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Intercambio con Noruega. Nesta iniciativa participan outros 21 estudantes dos institutos santiagueses Antonio Fraguas, Rosalía de Castro, Xelmírez I, Xelmírez II e do IES de Ames, que realizaron a súa estadía en Noruega entre os meses de outubro e novembro de 2022.

Durante a súa estadía, ata o 17 de febreiro, o alumnado noruegués asistirá a clases nestes centros educativos, ademais de vivir coas familias do alumnado galego que realizou o intercambio. Esta semana desenvolveuse unha xornada de recibimento na Facultade de Ciencias Políticas da USC, con diferentes actividades de confraternidade entre os estudantes. A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, representou ao Goberno galego neste acto.

A actividade está financiada pola Xunta a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, para favorecer a adquisición de competencias en linguas estranxeiras entre os estudantes. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cubre a viaxe do alumnado e profesorado acompañante.

Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela establece os contactos coa Embaixada española en Noruega e coas autoridades educativas deste país. Ademais, imparte clases de español aos estudantes noruegueses durante a súa primeira semana da estadía en Galicia, pasando despois a incorporarse ás aulas dos devanditos institutos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023