A Xunta amplía con dez prazas máis o programa 'Xantar na casa' en Muros, ata chegar ás 20
Este servizo permite achegar menús semanais saudables e equilibrados aos fogares de maiores que viven sos, de persoas dependentes ou con poucos recursos
Preto de 200 concellos de toda a xeografía galega contan con este programa, do que se benefician actualmente máis de 1.900 persoas
Muros (A Coruña), 26 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia pon á disposición do Concello de Muros dez novas prazas no programa Xantar na casa, ata acadar as 20. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa do municipio coruñés, María Inés Monteagudo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a ampliación deste servizo, que permite levar menús saudables e equilibrados para todos os días da semana aos fogares dos veciños desta localidade que o precisan.
Funcionamento
A comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Ao usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas.
Son os servizos sociais do Concello os que se ocupan de seleccionar ás persoas beneficiarias. A Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, que é de 6,60 euros por menú. Os usuarios soamente pagan 1,76 euros por cada menú, mentres que outro tanto é asumido polo Concello.
Implantación na zona
Ademais de Muros, outros seis municipios da zona de Muros-Noia están adheridos ao Xantar na casa: Carnota, Outes, Mazaricos, Lousame, Porto do Son e Noia. En total, son case 130 as prazas que a Xunta pon a disposición destes concellos ao abeiro desta iniciativa que xa chega a preto de 200 vilas de toda a xeografía galega e conta con máis de 1.900 persoas usuarias.
Ampla rede de servizos
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar aproveitou a súa presenza en Muros para visitar, acompañado da alcaldesa, o centro de día que ten en funcionamento este ente autonómico no concello coruñés, que tamén conta cunha escola infantil do Consorcio. Ao centro de dia da localidade acoden cada xornada preto dunha vintena de persoas maiores, onde reciben unha atención e uns coidados profesionais.