A Xunta reforza a seguridade viaria na estrada autonómica OU-113 no treito coincidente co Camiño de Santiago ao paso polo Concello de Laza
A intervención está a desenvolverse nun treito de algo máis de 1,2 km de lonxitude desta estrada autonómica co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos
Executarase un tramo de cuneta transitable e unha senda peonil, ademais de reforzar a sinalización horizontal e vertical
Estas actuacións forman parte das 39 intervencións de mellora da seguridade viaria que a Xunta iniciou no 2022 en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€
A Xunta está a iniciar a execución das obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-113 ao seu paso polo concello de Laza no treito coincidente co Camiño de Santiago, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.
Esta intervención na Vía da Prata está a desenvolverse nun treito da estrada autonómica de algo máis de 1,2 km de lonxitude, desde o punto quilométrico 20+510 ao 21+760.
Executarase un tramo de cuneta transitable e unha senda peonil, para o que se están a realizar traballos previos de roza e limpeza da vexetación nas marxes.
O proxecto tamén prevé o reforzo da sinalización horizontal e vertical neste tramo da vía.
Coas obras que se están a executar búscase reforzar a seguridade neste tramo que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.
A intervención enmárcase no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar desde o pasado ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€.
A encomenda do ano 2022 estase a levar a cabo nos distintos Camiños e trazados da Ruta Xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña programáronse un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5.
O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo no ano 2021 nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.