A Xunta recibe 6 ofertas para executar a 1ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis (Vigo) cun investimento autonómico de 2,5 M€
Esta intervención na estrada autonómica PO-323, vía de entrada á cidade olívica, prevé o seu inicio na primavera e ten un prazo de execución de 12 meses
Actuarase nun treito de 500 metros entre a intersección da PO-323 coa avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, ampliando as beirarrúas e mellorando a accesibilidade
Nesta primeira fase de reforma da estrada autonómica tense en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA
A intervención incluirá a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués
Tras a análise das achegas recibidas, a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis e manteranse as prazas actuais na avenida de Galicia, que inicialmente se suprimían
A execución destas obras estará coordinada co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar e completarase cunha 2ª fase ata o límite municipal con Redondela, que suporá un investimento de 4 M€ e cuxo proxecto xa foi sometido a información pública
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 6 empresas para executar as obras da primeira fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que suporá un investimento autonómico de preto de 2,5 M€.
O detalle da intervención
Con esta intervención, a Xunta busca fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís.