A Xunta inicia esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas comarcas do Barbanza, de Valdeorras e de Lemos

En concreto, estas novas tarefas acometeranse na AC-550, en Muros; na OU-602, na Rúa; e na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o alto do Faro
 

Estas intervencións súmanse ás que se están a levar a cabo nas últimas semanas nun total de nove estradas nas catro provincias
 

Desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2023 A Xunta iniciará esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Barbanza, de Valdeorras e de Lemos.

Máis, en concreto, estas tarefas desenvolveranse nas estradas AC-550, en Muros; na OU-602, no concello da Rúa; e na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o alto do Faro.
 
Tamén continuará as actuacións xa iniciadas en pasadas semanas na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios coruñeses de Oleiros, Cambre e Sada; así como na autovía AG-59, ao paso por Teo.
 
Ademais, proseguirán os traballos na estrada LU-751, en Meira e Ribeira de Piquín; na OU-310, en Verín e Vilardevós; ou na OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo.
 

Na provincia de Pontevedra, seguirán as tarefas de limpeza nas marxes da PO-331, no Porriño; na AG-51, en Salvaterra de Miño; ou nas vías de altas prestacións: VG-4.5, en Moaña e Cangas; e VG-4.7, en Carril e Baión.

Prevención lumes e seguridade viaria

A Consellería de Infraestrutura e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Data de actualización: 29/01/2023