A Xunta desenvolve a Estratexia Galega contra o Cancro coa incorporación de novos tratamentos e cribados á sanidade pública da nosa comunidade

A ampliación dos cribados de cancro de mama beneficiará a 200.000 mulleres máis

Xa están en marcha os traballos para que Galicia poida fabricar tratamentos CAR-T e aplicar a protonterapia

Galicia celebra unha nova edición do Simposio de Biopsia Líquida, que reúne a centos de profesionais e sinala novas sendas para avanzar na medicina de precisión
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.-
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de inaguración do VIII Simposio de Biopsia Líquida, “a incorporación de novos tratamentos e cribados á sanidade pública da nosa comunidade”, no marco da Estratexia galega fronte ao cancro que está a levar a cabo a Xunta. Así, Galicia incluirá nesta lexislatura novos cribados de cancro de pulmón e próstata, logo de finalizar a extensión a todo o territorio do cribado de cancro de cérvix.

 

No caso do cancro de pulmón, Comesaña dixo que “se iniciará un programa de detección precoz utilizando mecanismos de big data que detecten factores de risco dos pacientes”. No que atinxe ao cancro de próstata, “xa se iniciou un proxecto con persoal investigador para poñer en marcha un programa piloto deste cribado”.

 

Engadidas a estas novidades, o titular da carteira sanitaria dixo que “Galicia ampliará nun 50% o número de mulleres beneficiarias de cribados de cancro de mama, o que supón 200.000 máis”. A tal efecto, rebaixarase a idade mínima destas probas diagnósticas que pasará dos 50 aos 45 anos e ampliarase a idade máxima, que sube dos 69 aos 74 anos.

 

Galicia, pioneira nos tratamentos máis avanzados

Neste acto, o conselleiro insistiu na importancia de poñer a disposición da cidadanía o mellor equipamento de diagnóstico e tratamento, “queremos que Galicia sexa pioneira no uso dos tratamentos máis avanzados e, para iso, contamos con ferramentas moi potentes”. Unha das grandes apostas ao respecto é a creación dun centro de fabricación de terapias avanzadas, entre as que se atoparán os fármacos CAR-T. Este proxecto supón, dixo Comesaña, “un pulo á atención personalizada dos enfermos de cancro, xa que se producen medicamentos de alto impacto clínico e asistencial”. Tamén posibilitará “producir fármacos destinados a diversas terapias celulares”.

 

Outras das iniciativas do Executivo galego destacadas polo máximo responsable do Sergas é a posta en marcha do Centro Galego de Protonterapia, que permitirá a aplicación dunha novidosa técnica para aplicar radiación directa a tumores, destruíndo as células cancerosas e diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor. “A intención do goberno galego é que sexa o primeiro de España en poñerse en marcha”, -remarcou Comesaña-.

 

Na vangarda oncolóxica

 

Na súa intervención neste simposio, o máximo responsable da sanidade pública galega agradeceu o traballo realizado polo Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (ONCOMET), “que co seu labor dende a investigación e ata a aplicación clínica dos seus estudos, sitúa a Galicia e a España na vangarda oncolóxica”.

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro de Sanidade felicitou ao doutor Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, así como a todo o equipo organizador, polo alto nivel do programa científico deste encontro de biopsia líquida, “unha técnica que representa un fito importante no ámbito sanitario”. Segundo incidiu o conselleiro, “a medicina de precisión necesita destas ferramentas para ofrecer un tratamento personalizado que nos achegue ao futuro cun diagnóstico precoz e unha mellor monitorización”.

 
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 27/01/2023