A Xunta financiará con ata 80.000 euros os programas das entidades sen ánimo de lucro dirixidos a apoiar a inserción laboral das vítimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas que conta cun orzamento de 680.000 euros

Financiaranse itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación e asesoramento laboral, xa que a Xunta considera que un emprego é o primeiro paso para acadar a independencia con respecto do agresor


Desde 2016 participaron 2.090 mulleres nesta iniciativa que forma parte das accións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para apoiar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. En concreto, a Xunta destina 680.000 euros para financiar os programas deseñados por entidades sen ánimo de lucro encamiñados a favorecer a integración laboral destas mulleres, xa que un emprego é o primeiro paso para acadar a independencia con respecto do agresor.

Os apoios, que inclúen unha contía máxima de 80.000 euros por entidade (de media en cada edición deste programa soen ser beneficiarias unhas dez entidades), van dirixidos á posta en marcha por parte dos colectivos que resulten beneficiarios das axudas de itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, así como un acompañamento na busca activa de traballo e outras accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das participantes.

Tamén fináncianse iniciativas de formación para o emprego co fin de formar e capacitar ás mulleres para o seu acceso ao mercado de traballo, así como actuacións de apoio á conciliación dirixidas a facilitar a participación das mulleres nas accións establecidas no seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o emprego.

A Xunta, ademais, inclúe neste programa de axudas bolsas específicas para compensar determinados gastos nos que se poidan incorrer por participar no programa e que incentive a súa participación no mesmo. A orde de axudas tamén establece a obriga de acadar un mínimo do 10% de inserción laboral das participantes.

Desde 2016 participaron neste programa un total de 2.090 mulleres. Esta medida que impulsa a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade enmárcase nas accións incluídas por Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Data de actualización: 30/01/2023