Deséñase como un bulevar con arborado en ambas as marxes da calzada e cunha mediana axardinada

A Xunta licita por máis de 1,6 M€ a reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago, incorporando unha gran parada de transporte público na Cidade de San Caetano

Trátase de acometer a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e dispoñer unha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e unha zona de estacionamento de bicicleta

Esta actuación está vinculada á execución da 1ª fase das obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano, sendo o obxectivo da Xunta iniciar ambas as dúas intervención na primavera, cun investimento autonómico conxunto de 36,2 M€

Adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo, dando continuidade á urbanización executada no treito anterior de Rodríguez de Viguri e sendo tamén punto de partida da gran senda que unirá San Caetano coa intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro

A parada de intercambio modal terá capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén prevé dar servizo aos autobuses urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodal

As empresas interesadas en executar a actuación poderán presentar ofertas ata o 27 de febreiro

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023 A Xunta licitou hoxe por máis de 1,6 M€ a reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri e a súa integración como nó de intercambio modal do transporte público na futura cidade de San Caetano.

 

Mediante este contrato, acometerase a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e disporase dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e unha zona de estacionamento de bicicletas.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación desta obra, vinculada á próxima execución dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano nos terreos da vella estación de autobuses, que permitirá a adaptación desta rúa de Santiago á súa nova funcionalidade como parada de transporte público.

 

As empresas interesadas nestas obras teñen de prazo ata o vindeiro 27 de febreiro para presentar as súas ofertas, sendo o obxectivo da Xunta empezar a desenvolvelas de xeito coordinado coa execución da 1ª fase da Cidade de San Caetano, na primavera. Estas dúas actuacións suporán un investimento autonómico conxunto de de 36,2 M€.

 

Coa intervención licitada hoxe, dun lado, adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo e darase continuidade á urbanización levada a cabo no treito anterior de Rodríguez de Viguri.

 

Por outro lado, dotarase dos refuxios definitivos necesarios para o transporte que dá servizo aos traballadores públicos. Ademais, será o punto de partida da gran senda peonil e ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro, que está a impulsar a Xunta.

 

As obras obxecto deste contrato prevén a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

 

Na intervención proxectada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.

 

O prazo de execución desta actuación será de 6 meses. A Xunta prevé comezar as obras na primavera, polo que no outono estará a disposición a rúa remodelada e a nova gran parada de transporte público ao servizo dos usuarios.

 

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19.

 

Principais características da actuación

Máis en detalle, as obras de reurbanización do treito da avenida Rodríguez de Viguri obxecto deste contrato permitirán unha configuración na que o espazo para peóns e ciclistas gaña protagonismo con respecto á situación actual.

 

Este treito deséñase como un bulevar que dá continuidade ao treito xa remodelado da rúa, con arborado en ambas as marxes da calzada, e neste caso tamén na mediana intermedia, que será axardinada. A calzada, tanto no sentido ascendente como descendente, contará con dous carrís de circulación, como xa sucede no treito anterior da avenida. Nas beirarrúas o pavimento será de aglomerado pulido e de formigón nos carrís-bici.

 

A parada de transporte público prevista situarase na marxe dereita, en sentido ascendente. Terá 156 metros de lonxitude cuberta, na que se poderá agardar a chegada dos autobuses protexido das circunstancias meteorolóxicas. Estará formada por 26 módulos baixos de marquesiña e 3 módulos máis altos intercalados para protexer o acceso ao autobús. Ademais, e de modo independente, instalaranse en ambas as marxes do treito da avenida dúas marquesiñas para parada de bus urbano.

 
A intervención inclúe a remodelación do todo o entronque da rúa Anxo Casal e do aparcadoiro soterrado ao que se accede desde alí. A saída do aparcadoiro será directa á avenida de Rodríguez de Viguri e no espazo gañado disporase un aparcadoiro cuberto para bicicletas, de 21 metros de lonxitude, e coa mesma solución formal que as marquesiñas das paradas de autobús. Ademais, dese espazo partirá un paso de peóns que cruzará a avenida, para un acceso máis directo á grande parada de bus do sentido ascendente.

Data de actualización: 30/01/2023