A Xunta inicia as obras de reposición do acceso ao camiño afectado pola conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52

Esta nova intervención suporá un investimento de 30.000 € e céntrase na execución dun treito que conecta coa vía de servizo desta nova conexión, restituíndo o acceso do camiño local ao novo trazado da vía provincial OU-0516

O avance nas obras poderán facer necesarias interrupcións puntuais do tráfico ou a súa regulación con circulación alternativa que estarán debidamente sinalizadas

O Goberno galego investiu case 22 M€ na conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, reducindo nun 60% o tempo de percorrido, mellorando a conectividade con Celanova e Bande e favorecendo a mobilidade en toda a zona

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023 A Consellería de infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de reposición do acceso ao camiño municipal afectado pola nova conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa autovía A-52.

Esta intervención, que supón un investimento de preto de 30.000 euros, céntrase na restitución do acceso do camiño municipal ao novo trazado da estrada provincial OU-0516, executando un novo treito de camiño que conecte o actual coa vía de servizo da nova conexión do parque empresarial de San Cibrao das Viñas coa A-52.

 

En concreto, estas obras para restablecer o acceso da estrada local ao novo trazado da vía provincial OU-0516 inclúen a apertura dun desmonte ao final do camiño que dea continuidade ata a cota de conexión necesaria, ata acadar un novo tramo de camiño de 90 metros de lonxitude en saburra, horizontal e cunha anchura de 4 metros.

 

Esta obra tamén incluirá a instalación de barreiras de seguridade e o acondicionamento do acceso do viario de servizo á vía provincial, transformando a gabia actual en badén, estendendo un dobre tratamento superficial e colocando un sinal de stop.

 

Para executar as obras é necesario actuar sobre a plataforma existente en toda a zona de actuación, o que poderá supor interrupcións puntuais do tráfico ou a súa regulación do mediante circulación alternativa que estarán debidamente sinalizadas.

 

22 M€ nunha infraestrutura estratéxica

O Goberno galego, mediante esta intervención, dá resposta á solicitude do Concello de San Cibrao das Viñas de executar esta conexión nun camiño municipal que quedou afectado polas obras de acceso ao polígono industrial desde a A-52.

 

A Xunta, tras un investimento de case 22 millóns de euros, puxo en servizo a nova conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa autovía das Rías Baixas, constituíndo unha infraestrutura estratéxica para o pulmón empresarial de Ourense, ao enlazar nun único punto con esta autovía e a de Celanova, a AG-31.

 
A nova vía permite, desde setembro de 2020, unha conexión directa e áxil ao parque empresarial, chegando a reducir nun 60% o percorrido de conexión coa autovía A-52, ademais de supoñer reforzo da seguridade viaria e mellorar a conectividade con Celanova e Bande, favorecendo a mobilidade en toda a zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023