Román Rodríguez gaba a adaptación da facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra aos novos tempos coa introdución da modalidade en liña

O grao impartido neste centro universitario da UVigo pode cursarse en liña de xeito íntegro e completarse cun máster tamén na modalidade virtual


”Isto permite o acceso a estas ensinanzas non só aos máis novos, senón tamén a profesionais do sector que queren completar a súa formación”, destaca o conselleiro

 

Pontevedra, 31 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a facultade de Dirección e Xestión Pública do Campus de Pontevedra, xunto co reitor da universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Trátase dun centro creado o pasado verán para unir todas as titulacións relacionadas coa dirección, a xestión pública e o liderado institucional da Universidade de Vigo. Ata o momento estas ensinanzas impartíanse na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación xunto coas titulacións de grao e máster relacionadas coa comunicación, publicidade e relacións públicas.

Na nova facultade impártese o grao en Dirección e Xestión Pública, do que o conselleiro destacou o seu esforzo para adaptar o seu plan de estudos aos novos tempos e na posta en marcha da dobre modalidade de asistencia: presencial e virtual. ”Isto permite o acceso a estas ensinanzas non só aos máis novos, senón tamén a profesionais do sector que queren completar a súa formación e que poden realizar todo o proceso, desde a matrícula á avaliación, a través de internet”, sinalou o conselleiro.

 

O centro universitario acolle tamén as ensinanzas do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, de xeito íntegro en modalidade virtual, polo que se pode realizar todo o itinerario formativo en liña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023