O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades inaugura a xornada sobre dixitalización á que asiste case un milleiro de equipos directivos dos colexios e institutos
O modelo de acreditación de competencias dixitais que a Xunta implanta de xeito pioneiro no ensino chegará a 140.000 persoas na primeira fase
Román Rodríguez salienta que o procedemento incidirá na mellora do acceso ao mercado laboral e reforzará a capacitación no uso das novas tecnoloxías
A iniciativa responde “ao deber da Administración de proporcionar as ferramentas necesarias para a adaptación a unha sociedade máis global, competitiva e tecnolóxica”
Segundo explicou, o alumnado poderá acreditar de oficio un nivel mínimo ao rematar os seus estudos ou presentarse a probas para demostrar un coñecemento superior
Inclúe cinco eixos: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e solución de problemas
Terán catro niveis (iniciación, intermedio, avanzado e especializado) e 21 competencias acreditadas
Arredor dun total de 140.000 persoas, entre alumnado, profesorado e persoas adultas, vanse beneficiar da primeira fase do sistema de acreditación de competencias dixitais no eido educativo que a Xunta de Galicia vai implantar de xeito pioneiro en toda España, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, o documento de accións coordinadas para a transformación tecnolóxica do ensino e o perfeccionamento das competencias necesarias na sociedade actual.
Con motivo da xornada Avanzando na dixitalización do sistema educativo, que reúne en Santiago a preto dun milleiro de persoas integrantes dos equipos directivos de colexios e institutos, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou as liñas básicas desta iniciativa que cualificou de “pioneira, ambiciosa e necesaria no momento actual marcado pola constante transformación” e que responde “ao deber que temos como Administración de proporcionar as ferramentas necesarias para favorecer a adaptación a unha sociedade cada vez máis global, competitiva e tecnolóxica”.
Segundo explicou Román Rodríguez, o procedemento permitirá acreditar o grao de adquisición de competencias no eido tecnolóxico, mellorar o acceso ao mercado laboral e reforzar este tipo de competencias e a capacitación no uso das novas tecnoloxías.
Na súa primeira fase de desenvolvemento entre este curso e o vindeiro 2023-24, estímase que este procedemento específico de certificación no ensino chegará a uns 140.000 galegos: 100.000 estudantes, 31.000 docentes e 7.000 persoas adultas.
A competencia dixital é a combinación de coñecementos, habilidades e aptitudes para o uso seguro, crítico e responsable das tecnoloxías da información e a comunicación na aprendizaxe, o traballo, o lecer, a participación na sociedade e a interacción con ditas tecnoloxías. Estrutúrase en cinco grandes áreas (Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e solución de problemas).
No caso do alumnado, esta competencia, que será esixible no mercado laboral, seguirá un patrón similar ao que se utiliza actualmente na certificación de idiomas. En total, a acreditación está integrada por 21 competencias que se poderán certificar en catro niveis diferentes: iniciación, intermedio, avanzado e especializado.
O procedemento de acreditación para o alumnado farase por unha dobre vía. Por un lado, a validación de oficio no momento en que remate os seus estudos ou ben a través da superación dunha proba específica de acreditación dos diferentes niveis establecidos.
Pola vía de oficio, emitiranse as primeiras certificacións en competencias dixitais para o alumnado que titule en ESO e FP Básica (certificado de iniciación), FP de grado medio, superior e másteres, así como ensinanzas artísticas (certificado de nivel intermedio e de avanzado).
En canto ás probas específicas, que permitirán acreditar unha competencia de maior nivel que a correspondente ao nivel de estudos, a Consellería vai desenvolver este ano a orde que regule este recoñecemento, así como un pilotaxe das mesmas cunha mostra estudantes. E partir do vindeiro curso 2023-24, as probas poderanse extrapolar a todo o alumnado de todos os niveis educativos e a extensión das validacións a outros niveis.
Estas certificacións, na medida en que son a proba do grao de adquisición de competencias no eido tecnolóxico, contribuirán a mellorar o acceso ao mercado laboral dos estudantes das citadas ensinanzas que se estima titularán nestes dous cursos.
No que atinxe ao profesorado, o obxectivo é intensificar a formación e acreditación en competencias dixitais. Deste xeito, búscase mellorar a capacitación dos docentes para que poidan aproveitar o potencial das tecnoloxías na mellora do sistema educativo. Con este proceso, deseñaranse os itinerarios formativos necesarios, adaptados segundo os niveis e a situación persoal, para ir acadando os distintos niveis de desenvolvemento.
Para ilo establécense cinco vías de acreditación: formación do profesorado e do recoñecemento de roles e funcións para os niveis avanzados, recoñecemento de títulos universitarios, proba acreditativa (da que o Ministerio se comprometeu a proporcionar unha ferramenta), observación do desenvolvemento profesional e aplicación de rúbricas e presentación e avaliación de evidencias e méritos mediante convocatorias ah hoc.
Finalmente, no que atinxe á acreditación de competencias dixitais para adultos, trabállase na creación da Rede Galega de Educación Dixital nas ensinanzas de Adultos, coa incorporación de medio centenar de centros. Así mesmo, levarase a cabo formación específica nas ensinanzas orientadas a maiores de 55 anos con baixo nivel de cualificación, atendendo especialmente á fenda de xénero, a poboación vulnerable e as zonas rurais.
A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas na Estratexia Educación Dixital 2030, enfocadas a unha maior presenza da educación dixital nas aulas co fin de acadar a cidadanía dixital plena (convivencia dixital pacífica, alfabetización informacional e loita contra a desinformación, pensamento crítico...), a fomentar contextos híbridos de ensino-aprendizaxe (que mesturan o dixital e o presencial), atallar a fenda dixital (fenda de xénero, socioeconómica...), e abordar o reto demográfico, de consolidación da poboación en contornos rurais e de sustentabilidade.
No marco desta Estratexia, dotada cun investimento inicial de 120M€ para os tres primeiros anos de implantación, inclúense outras accións como como a dotación de polos creativos, aulas dixitalizadas, o Plan Dixital de centro, a integración da Intelixencia Artificial, a dotación de equipamento específico, a formación do profesorado e das familias, premios e proxectos, sistemas de xestión de datos, auditorías de accesibilidade desenvolvemento de contidos dixitais e loita contra a desinformación, entre outros.