A oferta cultural galega de 2022 acada a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación

Segundo o informe do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, a Comunidade é a terceira que máis sobe, con 7,7 puntos máis que o ano anterior

O ranking español do mellor da cultura de España inclúe ao CGAC e o Xacobeo

A Cidade da Cultura posiciónase entre as tres propostas máis valoradas en Galicia, listaxe na que se incorporan o Centro Dramático Galego e Escenas do Cambio

Iniciativas impulsadas pola Xunta como Cultura no Camiño ou distintos festivais forman parte das mellores propostas españolas no rural

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023 A oferta cultural galega en 2022 acada a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación e sitúase como a sexta máis destacada de España. Así se desprende do ranking que vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, elaborado en base ás opinións de máis de 400 profesionais do sector de toda España.

O informe sitúa a oferta galega entre as mellores. É a terceira comunidade que máis puntos sobe, un total de 7,7 máis. Isto permítelle escalar dous postos na listaxe e colocarse sexta, por detrás de Madrid, Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Andalucía. Por cidades, A Coruña entra no top ten das 40 con mellor programación. Sobe seis postos e sitúase na décima posición, con máximos históricos. Tamén están Santiago de Compostela, na 15 posición, e Vigo na 26.

O Observatorio da Cultura inclúe ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Xacobeo no ranking español sobre o mellor da cultura en España en 2022 e, ademais, o Festival Internacional Outono de Teatro FIOT de Carballo, apoiado pola Xunta, entra na categoría de Insignias culturais de España, como unha das iniciativas máis destacadas.

Mellores propostas galegas

No ranking autonómico, a Cidade da Cultura de Galicia volve situarse entre as tres propostas galegas máis valoradas das 20 que integran a listaxe na que, nun ano con gran protagonismo do Xacobeo, se inclúen diversos museos galegos, así como propostas de artes escénicas e musicais. Tamén están altamente valoradas Escenas do Cambio ou o Centro Dramático Galego, que se incorporan por primeira vez a esta listaxe.

O informe valora, así mesmo, propostas singulares desenvolvidas no medio rural e novamente Galicia destaca, con seis iniciativas entre as mellores de España. Trátase de Cultura no Camiño e os festivais Agrocuir da Ulloa, Bal y Gay na Mariña lucense, Cans no Porriño, o Festival da Luz en Boimorto e o Festival dos Eidos no Courel.

Galicia aspira a manter e mellorar a valoración durante este ano, para o que vén de aprobar o novo Plan Xeración Cultura 2023 cun investimento de 34 millóns de euros. Inclúe unha batería de accións para seguir co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos. É froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e modernizar as estruturas empresariais e de creación. Estruturado en cinco eixes e 57 accións, permitirá desenvolver dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e pór en marcha seis plans sectoriais.

 

Data de actualización: 01/02/2023