A Xunta celebra os datos que amosan que a cidadanía galega é a que máis confía na sanidade pública de toda España

A xerente do Sergas analizou no Parlamento os datos do Barómetro Sanitario do CIS, que revelan unha preferencia da sanidade pública sobre a privada, tanto na atención primaria, como na hospitalaria e de urxencias

Estrella López-Pardo constatou ademais que a porcentaxe de poboación galega que conta cun seguro sanitario privado é inferior que a do ano 2008

Galicia está hoxe entre as comunidades con menor porcentaxe de poboación con seguro privado, case 8 puntos por debaixo da media nacional

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

A Xunta celebra a confianza e a preferencia da poboación galega pola sanidade pública, tras avaliar os datos do derradeiro barómetro sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), e na que Galicia se sitúa como a segunda comunidade na que maior porcentaxe de poboación elixiría á sanidade pública, para ter unha consulta co médico de cabeceira ou pediatría, cun 76,5% fronte o 68,6% media nacional.

Durante a xuntanza da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, que tivo lugar esta mañá no Parlamento de Galicia; a xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo; analizou uns datos que tamén apuntan que Galicia ocupa a segunda posición a nivel nacional, na porcentaxe da cidadanía elixiría a sanidade pública para un ingreso hospitalario (84,2% fronte ao 75,2% de media nacional).

“Os galegos confían plenamente no sistema sanitario público de Galicia, sendo a cidadanía de toda España que máis opta pola sanidade pública”, salientou López-Pardo, que lembrou tamén que as porcentaxes de preferencia pola sanidade pública nos seus distintos ámbitos son superiores ás que reflectía o barómetro sanitario en 2008.

Galicia entre as comunidades con menos seguros privados

Durante a súa intervención, López-Pardo analizou tamén os datos do informe realizado pola Unión Española de Entidades Aseguradoras (UNESPA), que agrupa ás entidades aseguradoras de España e representa ao 96% do mercado nacional.

Segundo esta análise, abundou a xerente do Sergas, “a penetración do seguro privado sanitario en Galicia é dun 16,6% , case 8 puntos porcentuais por debaixo da media de España, que se atopa no 24,4%”.

Neste sentido incidiu en que “pasamos de estar na metade superior das comunidades autónomas en porcentaxe de poboación con seguro privado en 2008, a estar na metade inferior neste momentos”.

Na mesma liña, e sobre o incremento xeneralizado dos seguros privados en toda España nos últimos cinco anos, a xerente do Sergas precisou que mentres en Galicia houbo un aumento de algo menos de 2 puntos; no conxunto de España este incremento ascende case ata os 4 puntos.

López-Pardo pechou a súa intervención subliñando que a confianza no sistema sanitario público é froito de mesturar durante os últimos anos, o traballo e esforzo do conxunto de profesionais do Servizo Galego de Saúde, cos incrementos orzamentarios que a Xunta está a realizar no conxunto de centros sanitarios galegos para achegar un servizo asistencial de calidade.

Data de actualización: 02/02/2023