A Xunta amplía o crédito das axudas do programa Impacto Autonómo ata os 35 M€ para compensar a suba dos custos duns 30.000 profesionais

Rueda defende este incremento en cinco millóns dos 30 M€ da partida inicial desta iniciativa pioneira, ante o éxito da convocatoria que recibiu “milleiros de solicitudes”

Salienta a aprobación tamén para as persoas traballadoras por conta propia dun investimento de 1,3 millóns de euros dirixido a axudas para a formación e contratación indefinida

O presidente subliña o apoio do Goberno galego ás persoas autónomas con máis de 65 millóns de euros para diferentes programas

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da ampliación en 5 millóns de euros máis do crédito de axudas no programa pioneiro Impacto Autónomo, ata chegar aos 35 millóns, e que teñen como finalidade compensar a suba de custos derivados da inflación que están a padecer persoas traballadoras por conta propia e microempresas e co obxecto de “tratar de beneficiar alomenos a uns 30.000 negocios”.

Rueda defendeu esta ampliación do crédito ante o “éxito con milleiros de solicitudes” da convocatoria do programa, que partiu cunha dotación de 30 millóns de euros, “que se esgotaron rapidamente” e incidiu en que con estas axudas se procura “contribuír a que o aumento da inflación repercuta menos nestes autónomos e micropemes”. Ademais, lembrou que estes apoios oscilan entre os 800 euros e 1.500 euros e destacou o feito de que as primeiras achegas xa se están a aboar.

En concreto, a iniciativa procura minimizar coa maior celeridade posible o impacto da suba dos custos no actual contexto, tanto das materias primas, das subministracións ou enerxéticos, que están a afectar e condicionar a actividade económica que desenvolven as persoas traballadoras autónomas e microempresas.

Requisitos

As persoas beneficiarias deste programa deben ser profesionais por conta propia dados de alta no Réxime Especial do Traballo Autónomo (Reta) ou no Réxime do Mar, incluídas as persoas traballadoras autónomas societarias e microempresas de ata 10 empregados, mutualistas e persoas autónomas con ocupacións de tempada.

Entre outros requisitos, para poder acceder ao programa, débese contar con domicilio social na Comunidade galega. No caso das actividades que se desenvolvan en establecementos fixos abertos ao público, o negocio deberá estar aberto ao público durante os seis meses posteriores á publicación da orde de axudas.

As contías que se perciban fíxanse en función dos rendementos netos da empresa. Estas axudas son compatibles con calquera outro tipo de apoio da Xunta dirixido ao colectivo do emprego autónomo para o que a Xunta está a realizar un esforzo importante este 2023.

Apoios á contratación desempregados de difícil inserción

Ademais, Rueda tamén salientou que o Consello da Xunta aprobou hoxe cun investimento de 1,3 millóns de euros o programa anual de axudas para persoas traballadoras por conta propia destinadas “a incentivar á contratación de 250 persoas desempregadas de difícil inserción e contribuír tamén a súa formación”.

Inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas.

Para a primeira persoa traballadora indefinida establécese un incentivo mínimo de 8.000 euros, e para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida fíxase un apoio mínimo de 10.000 euros. Serán colectivos prioritarios para a contratación as persoas desempregadas de longa duración, as persoas maiores de 55 anos, persoas con discapacidade, persoas en situación ou risco de exclusión social e persoas emigrantes retornadas. As contías base poderanse incrementar nun 25 %, acumulables entre si, se a persoa contratada é muller, no caso de que o centro de traballo estea situado no rural, persoas maiores de 45 anos, e cando a persoa contratada sexa unha muller nunha actividade económica en que a muller esta subrepresentada, entre outros.

Como novidade nesta edición, incorpórase como colectivo prioritairo os maiores de 55 anos ou máis. Tamén se abre unha liña específica para os emigrantes retornados.

65 M€ para reforzar o emprego autónomo

Deste xeito, Rueda salientou que con este tipo de medidas a Xunta está a reforzar o apoio este ano o emprego autónomo “con máis de 65 millóns de euros”, aos que se suman 18,2 millóns destinados con carácter exclusivo ao emprendemento. Este mesmo ano aprobarase, ademais, unha nova Estratexia do Emprego Autónomo, co consenso dos representantes do colectivo a través da Mesa do Emprego Autónomo.

O Goberno galego está a impulsar a consolidación do emprego autónomo orientado ao desenvolvemento dos principais sectores económicos de Galicia, tendo deseñado e definindo múltiples actuacións en materia de promoción, apoio, consolidación e mellora ao longo da vida profesional deste colectivo.

 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023