A Xunta aproba incentivos para o persoal que exerza como titor na formación sanitaria especializada

Rueda subliñou que, na actualidade, hai 900 profesionais do Sergas exercendo estas labores docentes e que o obxectivo é “manter ou incrementar” o seu número

Lamentou que o Goberno central non dea resposta á demanda de Galicia de incrementar as prazas MIR en Medicina de Familia e “flexibilizar os criterios docentes”

O novo decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada configura un estatuto do titor que inclúe vantaxes para este persoal na organización dos seus horarios, no seu acceso a formación, na reserva de prazas ou nos baremos para ofertas de emprego, concursos de traslados ou carreira profesional

En particular, acúrtase o tempo para acadar os graos de carreira profesional no caso dos titores da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria

O proceso de elaboración desta norma, que se somete agora ao ditame do Consello Consultivo, foi moi participativo: comisións de docencia, sociedades científicas, colexios profesionais e organizacións sindicais fixeron achegas e suxestións recollidas no texto

O novo decreto aplicarase ao persoal que exerza a titoría das máis de 620 prazas formativas convocadas este ano na que é a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia de Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace na súa reunión semanal ao proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia que vai reforzar a figura do titor na formación especializada en Ciencias da Saúde. Este decreto fixa incentivos para os titores dos sanitarios residentes “co obxectivo de manter ou incrementar o número de profesionais que desempeñan este labor no Sergas”, indicou o presidente galego.

Rueda lembrou que a Xunta leva tempo reclamando ao Goberno central que incremente o número de prazas MIR para a especialidade de Medicina de Familia, pero recoñece que iso ten ir aparellado dun número suficiente de titores para fomar aos titulados durante o periodo de residencia. Rueda lamentou ademais que o Ministerio de Sanidade non flexibilice, tal e como demandan varias comunidades, os criterios de docencia.

“Na actualidade hai preto de 900 titores de residentes de todas as especialidades, 350 de Medicina de Familia”, resaltou o presidente. Moitos destes profesionais están próximos a idade de xubilación.

As persoas residentes constitúen o centro do sistema de formación sanitaria especializada. Por iso, deberán acadar un nivel óptimo de coñecementos, habilidades e aptitudes profesionais. Os profesionais que se responsabilizan da formación sanitaria especializada constitúen un elemento esencial para a calidade desta. Desde xeito, as persoas titoras dos residentes e outras figuras docentes que participan na súa formación, constitúen o obxecto do tratamento desta norma.

Co obxectivo de manter e incrementar o número de profesionais do Sergas que exercen labores docentes cos residentes, o decreto pon en valor as figuras dos titores e dos xefes de estudos e prima o seu exercicio configurando un estatuto cunha serie de medidas específicas para este colectivo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que salientou que este decreto “é unha das normativas máis importantes da lexislatura” no eido sanitario, resaltou que grazas a ela, os titores contarán con incentivos no seu labor profesional como a ampliación das facilidades para exercer a labor docente, asegurando que o titor poida dispor dun tempo específico para o exercicio das súas funcións; o establecemento de formación específica para titores; a priorización da súa participación nas actividades de formación continuada para persoal sanitario e acurtando o tempo para acadar os graos de carreira profesional no caso dos titores na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

A norma garante tamén que os profesionais que exerzan titoría reciban unha puntuación adicional nos baremos, e incluso se lles poida reservar prazas específicas, permitíndolles o acceso a aqueles centros que están acreditados.

O proxecto de decreto, que se someterá ao ditame do Consello Consultivo antes da súa aprobación definitiva, define as estruturas sanitarias docentes, regula os órganos docentes colexiados e unipersoais, así como o procedemento para autorizar as rotacións externas e as estancias formativas de estranxeiros. Ademais, esta norma sobre formación sanitaria especializada, que consta de 63 artigos, divididos en 9 capítulos, 4 disposicións adicionais, 3 transitorias e 1 derrogatoria, recolle os criterios sobre o procedemento de supervisión dos especialistas en formación para a súa asunción progresiva de responsabilidades por parte do residente.

Ademais, o decreto recoñece e regula formalmente as subcomisións de docencia, que son fundamentais no caso dalgunhas especialidades de enfermería. Outorga ademais o nivel de xefatura de servizo de carácter docente aos xefes de estudios e recolle a figura de titoría de apoio para o caso de unidades que reciban un número importante de residentes en rotación, como as urxencias.

Tamén, a norma promove a adquisición de competencias transversais por parte dos especialistas, prima a perspectiva de xénero nos indicadores de calidade e incorpora as especialidades de enfermería na Rede de Comisións de Docencia de Galicia (Redega).

O proceso de elaboración da norma foi moi participativo: comisións de docencia, sociedades científicas, colexios profesionais e organizacións sindicais, entre outros, fixeron achegas e suxestións ao texto.

Tal e como explicou Comesaña, “o obxectivo é que o decreto poida entrar en vigor xa neste mes de maio”, cando se incorporan a nova promoción de sanitarios residentes aos hospitais e centros de saúde de Galicia.

Galicia aposta pola formación sanitaria especializada

O sistema de formación sanitaria especializada goza dun importante prestixio e valoración, e conta con sistemas obxectivos nos que se pode avaliar a súa calidade. Da calidade da formación dos especialistas benefícianse directamente os cidadáns, que reciben unha prestación sanitaria de calidade de acordo cos niveis de capacitación dos nosos profesionais.

Por iso, o Goberno galego aposta por levar a cabo medidas que promovan o exercicio da docencia e a formación de especialistas nos centros sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

De feito, a publicación desta norma coincide coa aposta do Goberno galego pola formación sanitaria especializada, que conta coa maior convocatoria de prazas das convocatorias feitas ata o momento na nosa comunidade: un total de 620 prazas foron ofertadas para as probas selectivas para o acceso no ano 2023.

Esta cifra reflicte un incremento de 77 prazas sobre a oferta da anterior convocatoria, e converteu Galicia na comunidade coa maior porcentaxe de incremento de prazas de todo o Sistema Nacional de Salud (un 14,2 % máis de prazas en Galicia, fronte ao 5 % de media de todo o SNS).

En particular, Galicia convoca o 100 % das prazas acreditadas para médicos de familia, acadando 207 prazas, 65 máis que na anterior convocatoria. A nosa comunidade convocou tamén o 100 % das prazas acreditadas en Pediatría, e incrementou en 11 as prazas formativas para as especialidades de Saúde Mental.

Así, o orzamento que a Administración galega adicará en 2023 ao investimento na formación de especialistas sanitarios superará os 69 millóns de euros, un 10,4 % máis que no exercicio anterior. Coa entrada en vigor deste decreto, as vantaxes reguladas nel aplicaranse xa ao persoal que colabora na extraordinaria oferta formativa deste ano.

Outras medidas para facilitar a dispoñibilidade de especialistas

A aprobación deste decreto constitúe outra medida máis dentro das que Galicia vén adoptando para facilitar a dispoñibilidade de especialistas, como ampliar a posibilidade de permanencia dos profesionais no servizo activo a partir dos 65 anos, modificar a Lei de saúde de Galicia para permitir que profesionais extracomunitarios con formación MIR poidan incorporarse á función pública, ou flexibilizar a vinculación de centro a área para que os mesmos efectivos poidan atender as necesidades de diversos dispositivos ou niveis asistenciais.

Ao mesmo tempo, dende Galicia continuarán a reclamarse outras actuacións que o Goberno central debe levar a cabo en desenvolvemento das súas competencias. Entre estas están levar a cabo os cambios necesarios para dispoñer dun sistema de acreditación de unidades docentes máis flexible e máis áxil, acelerar os prazos para incorporación destas prazas ás convocatorias, garantir que o sistema de elección de prazas non deixa prazas desertas e incorporar novas especialidades xa demandadas como é o caso de medicina de urxencias e emerxencias.

En definitiva, trátase de dispoñer de instrumentos que permitan que o Sistema Nacional de Saúde poida planificar o seu futuro con máis rigor, a súa oferta formativa e adaptarse ás necesidades de profesionais en determinadas especialidades que veñen indicando reiteradamente todas as comunidade autónomas.

 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023