A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde en San Caetano un encontro de traballo co alcalde, César Poza
A Xunta trasládalle ao Concello de Vilaboa a disposición de transferirlle o treito da PO-264 para unha xestión adaptada á súa funcionalidade real, eminentemente local
Trátase do treito inicial da estrada que, ao longo de 380 metros, transcorre polo municipio de Vilaboa e que agora mesmo atende unha mobilidade de carácter local
A transferencia a prol do Concello permitiría unha xestión máis adaptada desta vía á funcionalidade local e urbana que ten actualmente
A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén informou ao alcalde dos traballos de implantación do tratamento biolóxico na depuradora municipal, nos que a Xunta inviste 720.000 €, cuxo avance está condicionado pola subministración dos equipos
A finais deste mes ou comezos de marzo está previsto acometer o cambio da cuberta
A Xunta trasladoulle ao Concello de Vilaboa a disposición de transferirlle o treito da estrada autonómica PO-264 ao seu paso polo municipio para que a administración local poida realizar unha xestión da vía máis adaptada á súa funcionalidade real, que é eminentemente local.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde en San Caetano un encontro de traballo co alcalde, César Poza, a quen informou da posibilidade que ten o Concello de solicitar e asumir a titularidade da vía ao seu paso polo municipio, para poder acometer as actuacións que considere máis oportunas para acadar unha xestión máis adaptada á funcionalidade local e urbana que ten actualmente esa vía.
Trátase do treito inicial da estrada que, ao longo de 380 metros, transcorre polo municipio de Vilaboa ata a N-550 e que, segundo os datos da Axencia Galega de Infraestruturas, non ten xa funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas.
Durante a xuntanza, a conselleira tamén informou ao alcalde dos traballos para a implantación do tratamento biolóxico que a Xunta está a levar a cabo na depuradora de Vilaboa.
Explicou que entre finais deste mes de febreiro e comezos de marzo está previsto acometer as actuacións de cambio do panel sándwich da cuberta.
Os avances no resto da actuación están condicionados pola subministración dos equipos necesarios que, previsiblemente, aínda tardarán uns meses en chegar.
Unha vez que se conte con eles, e con tempo seco, executarase o resto da actuación, tendo en conta que a planta municipal deberá seguir en funcionamento durante o transcurso dos traballos e está moi limitada.
A Xunta está a investir 720.000 € na mellora do sistema de depuración da estación de tratamento de augas residuais de Vilaboa, que agora só conta con tratamento primario físico-químico, para dotala de tratamento secundario, biolóxico, conseguindo así maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.
Os traballos inclúen, ademais, intervencións no control de olores, mediante unha axeitada desodorización e cambios e actualización dos equipos para adaptarse á normativa.
Cómpre lembrar que a depuradora de Vilaboa é unha instalación municipal, a cuxa xestión a Xunta leva destinados máis de 2,2 M€, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga.
A actuación de mellora da depuradora conta con financiamento europeo, no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.