Con motivo do día mundial contra o cancro sanidade lembra á cidadanía a importancia de participar nos programas de cribado
O obxectivo é lograr que cada vez menos galegos enfermen de cancro e os que enfermen, aumentar a súa curación e calidade de vida
Con motivo da conmemoración mañá sábado, día 4 de febreiro, do Día Mundial contra o cancro, a Consellería de Sanidade lembra á cidadanía a importancia de participar nos programas de cribado, para detectar as lesións precursoras desta enfermidade, o que facilita un tratamento máis eficaz da mesma.
Na loita contra esta enfermidade, Galicia presentou, en outubro do pasado ano, a Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, que ten tres piares fundamentais como son a prevención, a mellora asistencial dos e das pacientes e a aposta polo futuro e a innovación. O obxectivo é lograr que cada vez menos galegos e galegas enfermen de cancro e os que enfermen, aumentar a súa curación, a súa atención e a súa calidade de vida.
No que se refire á parte preventiva desta enfermidade, a Consellería de Sanidade ten en marcha distintos programas de cribados de cancro como o de mama, o colorrectal e o de cérvix.
No que respecta ao Programa de Cribado de Cancro de Mama, que acaba de cumprir 30 anos en Galicia, na súa historia realizou xa máis de tres millóns de exploracións. Na actualidade, fai máis de 150.000 ao ano. Neste período de tempo, este programa de cribado acadou uns niveis de participación que se achegan ao 80%, e mesmo superan esta porcentaxe nos últimos anos. Este programa descubriu, nestes anos, preto de 11.000 cancros, dos cales case o 70% estaban en estadios precoces, tendo un prognóstico moito mais favorable.
Respecto do cribado de cancro colorrectal, Galicia adiantouse máis de cinco anos ás metas sinaladas polo Ministerio de Sanidade. Actualmente, o cribado cubre a toda a poboación galega de entre 50 e 69 anos e, dende a súa posta en marcha no 2013, máis de 700.000 galegos e galegas entregaron o seu test para realizar a proba.
Para a proba de confirmación diagnóstica, dende o comezo do programa, realizáronse colonoscopias a máis de 40.000 persoas e detectáronse 1.970 cancros invasivos, máis de dous terzos deles en estadios precoces. O cribado detecta máis de 400 cancros ano ano e contribúe, polo tanto, a salvar centos de vidas.
Dende o inicio do Programa en 2013, e ata decembro de 2021, a participación global, medida pola entrega do test, foi do 45,42%, sempre maior entre as mulleres. A proba de cribado primaria é o test de sangue oculto nas feces, que unicamente supón recoller a mostra na casa e entregala nun centro de saúde. É moi importante aumentar a participación da poboación no cribado para reducir a mortalidade por este cancro, polo que a Consellería de Sanidade fai un chamamento para que todas as persoas de entre 50 e 69 anos participen no cribado de cancro colorrectal.
O terceiro gran programa poboacional de cribado que a Xunta ten en marcha é o de detección precoz do cancro de cérvix. Galicia iniciou a implantación na área de Lugo en 2021, estendeuno ás áreas de Pontevedra e Ferrol no 2022 e, neste ano, chegará a todas as áreas sanitarias. É un cribado no que as mulleres de entre 35 a 65 anos poden participar tanto a través dunha autotoma como a través dunha cita coa matrona e, nestes dous anos, as mulleres participantes superan xa as 14.000. Nun 6,5% delas detectouse o virus do papiloma humano e nunha cuarta parte deses casos positivos atopáronse os xenotipos do virus que están implicados na maioría das lesións precursoras deste tipo de cancro.
Xunto aos anteriores cribados, Galicia iniciará, nesta lexislatura, a pilotaxe de novas estratexias de detección precoz de cancro de pulmón e próstata.
Sanidade tamén está a actuar na mellora dos hábitos de vida cara aos máis saudables, porque crean condicións que exercen un claro impacto sobre a saúde. Neste eido, cómpre remarcar o Plan de obesidade Zero, que se centra na prevención do sobrepeso e a obesidade, ou as iniciativas en materia de prevención do tabaquismo, como son a rede de praias sen fume, ou a de parques sen fume, co obxectivo de promover unha vida sen tabaco, desnormalizando o seu consumo.
Tamén destaca, en materia de prevención da enfermidade e promoción da saúde dos nosos menores a iniciativa ‘Xanela Aberta á Familia’, un sitio web con información útil sobre a saúde materno-infantil e xuvenil, no que familias, pediatras e docentes poden seguir e fomentar hábitos saudables.
No que se refire á parte asistencial, o tempo medio de espera dos pacientes atendidos en vías rápidas de cancro (mama, colón, pulmón, próstata, vexiga, cabeza e colo, melanoma e endometrio) foi, no pasado ano, de 5,2 días, sendo os pacientes atendidos un total de 22.713.
Tamén destaca nesta estratexia do Executivo galego contra o cancro, a posta en marcha de proxectos como o Centro de Protonterapia. Así, a finais do pasado ano, a Xunta autorizou, por máis de 22 millóns de euros, a contratación da redacción do proxecto básico e de execución, obra e dirección de obra deste centro, convertíndose Galicia na primeira comunidade en licitar a obra para instalar o seu centro de protonterapia.
A este proxecto de Protonterapia engádese o Centro de fabricación de terapias avanzadas CAR-T. Dous exemplos, que amosan o compromiso de Galicia coa investigación contra o cancro.
En materia de equipamento contra o cancro, a Xunta viviu, nos últimos sete anos, dous grandes períodos de renovación de aparataxe, que serviron para situar aos hospitais galegos na vangarda dos tratamentos oncolóxicos, ao permitir incorporar 14 novos aceleradores lineais para mellorar a sanidade pública galega.