O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o instituto San Clemente, en Santiago, un referente na modalidade de ensino á distancia

As ensinanzas de adultos, que cursan 10.000 galegos, reforzaranse coa nova Lei de aprendizaxe ao longo da vida que impulsa a Xunta

Román Rodríguez salienta que o seu departamento está traballando nun conxunto de accións específicas para blindar unha aprendizaxe “permanente, integral, inclusiva e de calidade” para o conxunto da poboación

A nova normativa en trámite incidirá no reforzo dun acceso flexible ás distintas modalidades de ensino para adultos e na garantía de igualdade de oportunidades a nivel social e territorial

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023 As ensinanzas de adultos, que cursan arredor duns 10.000 galegos, vanse reforzar a través da nova Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que está tramitando a Xunta de Galicia co obxectivo principal de garantir unha aprendizaxe “permanente, integral, inclusiva e de calidade” para o conxunto da poboación a través de ferramentas de ensino flexibles e adaptadas. Así o asegurou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao instituto IES San Clemente, en Santiago de Compostela, que é un referente no ensino á distancia, con preto de 2.700 persoas matriculadas nesta modalidade.

 

O titular de Educación do Goberno galego explicou que o seu departamento está traballando nun conxunto de accións específicas para o impulso e reforzo das ensinanzas de adultos baixo o paraugas dunha normativa específica “coa que se busca ofrecer un acceso máis amplo e flexible á estas ensinanzas, ao tempo que garantir a igualdade de oportunidades tanto desde unha perspectiva social como territorial”.

 

A nova normativa substituirá á Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, actualizándoa e adaptándoa ás necesidades da sociedade galega da terceira década do século XXI, cada vez máis baseada no coñecemento e na innovación e na que que é imprescindible lograr que o nivel de cualificacións e capacidades profesionais das persoas se adapte cada vez mellor ao mercado laboral.

 

Ámbito rural

Neste senso, para atender ás persoas residentes no ámbito rural, a lei potenciará de xeito singular as modalidades de aprendizaxe a distancia e favorecerá ao mesmo tempo a conciliación coa vida familiar e laboral dos cidadáns.

 

Tamén se promoverá o deseño de itinerarios flexibles de aprendizaxe, adaptados ás necesidades de cada persoa, específicos ademais no caso das persoas privadas de liberdade, xa que unha das finalidades é atender particularmente aos grupos sociais máis desfavorecidos, con baixa cualificación profesional ou en risco de exclusión social.

Para ilo, entre as principais accións cómpre destacar a elaboración dun Plan do sistema galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, co fin de concretar as actuacións para lograr os obxectivos normativos, a creación do Instituto galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta como centro de referencia para homoxeneizar estas ensinanzas, e a creación do Consello galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta para facer seguimento do cumprimento destes propósitos.

Data de actualización: 03/02/2023