A Xunta continuará esta semana a execución de traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das 4 provincias
As tarefas proseguirán na estrada AC-550, en Muros; e na autovía AG-59, ao paso por Teo
Tamén continuarán os traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, entre Monforte de Lemos e o alto do Faro; e na estrada LU-152, que conecta Foz e Ferreira de Valadouro
Ademais seguirán as intervencións na OU-310, en Verín e Vilardevós; na OU-320, en Sandiás e Allariz; na PO-331, no Porriño; ou na AG-51, en Salvaterra de Miño
Desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga
A Xunta continuará esta semana a execución de traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas 4 provincias.
Seguridade viaria
Estas actuacións, impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enmárcanse no contrato coa empresa pública Seaga, cun investimento de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas.
Como novidade, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.