A delegada territorial e o presidente da Autoridade Portuaria anunciaron a licitación o vindeiro luns da segunda fase de mellora da fronte litoral viguesa

Fernández-Tapias destaca a colaboración entre a Xunta e o Porto de Vigo para avanzar na humanización de Beiramar e “facer cidade en beneficio dos vigueses”

O Goberno galego investirá 2,5 millóns de euros na reforma do treito entre a rúa Coruña e Bouzas para crear unha senda peonil e ciclista

“Xunta e Porto demostramos de novo que a colaboración institucional é sempre a mellor opción polo ben da cidadanía”, sinalou a representante autonómica

A actuación permitirá completar un novo espazo dedicado á mobilidade sostible en toda a fachada portuaria cun total de 7,4 quilómetros entre Areal e Bouzas

“Damos prioridade aos proxectos de interacción coa cidade e buscamos a sustentabilidade ambiental, económica e social”, destacou Vázquez Almuiña

O Goberno galego aporta máis do 60% dos fondos para o proyecto que completa a humanización da zona de confluencia entre porto e cidade

Vigo, 3 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, anunciaron este venres a segunda fase da actuación para completar a humanización de todo a fachada portuaria. Segundo avanzaron, o vindeiro luns será licitado o concurso público para ampliar a senda peonil e peatonal desde a rúa Coruña ata Bouzas.

 

“A Xunta e o Porto demostramos de novo que a colaboración institucional é sempre a mellor opción para lograr beneficios para os vigueses, somos dúas administracións coas súas funcións ben definidas, unha cunha clara vocación económica que dinamiza o Porto e outra dedicada a prestar todo tipo de servizos, que sempre se dan a man polo ben da cidadanía”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Tras a conclusión, o ano pasado, do primeiro tramo do carril ciclo peonil entre Beiramar -o que discorre desde a rotonda do Porto Pesqueiro ata a rúa Coruña- e a próxima apertura dunha nova senda na contorna do Berbés, a Autoridade Portuaria de Vigo licitará, o vindeiro luns, o segundo tramo do carril ciclo peonil de Beiramar, que abarca toda a zona de estaleiros.

 

Convenio de colaboración

A delegada territorial explicou que esta nova actuación, cofinanciada pola Xunta con 2,5 millóns (Fondos do Mecanismo e Recuperación e Resiliencia da Unión Europea) a través dun convenio de colaboración, suporá a humanización da zona e a creación dun novo carril ciclo peonil no tramo situado entre a glorieta da Praza da Industria Conserveira e a igrexa de San Miguel de Bouzas.

 

Así, esta intervención que abarcará 1,5 quilómetros, permitirá completar a creación dun carril bici por toda a fachada portuaria, desde o Arenal ata Bouzas, que alcanzará o 7,4 quilómetros de lonxitude. “Xunta e Porto tamén demostran que entre as súas misións está a facer cidade, facer Vigo”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Investimento total de 5,6 millóns, 3,5 da Xunta

Ademais, indicidiu en que todas as obras xa executadas ou actualmente en marcha, xunto con este novo tramo, contaron cun investimento total por parte da Xunta de Galicia de 3,5 millóns -o convenio ten unha cifra final de 5,6 millóns, polo que o Goberno galego achega o 60% dos fondos- co fin de permitir un achegamento do cidadán á actividade portuaria desde un punto de vista sostible, favorecendo o uso dos espazos públicos e fomentando formas de mobilidade alternativa.

 
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que esta actuación forma parte do Plan Estratéxico do Porto de Vigo e da estratexia europea de economía azul sostible, onde “damos prioridade aos proxectos de interacción coa cidade e buscamos a sustentabilidade ambiental, económica e, por suposto, social”, subliñou, á vez que avogou por “facilitar a permeabilidade entre o porto e a cidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023