A Xunta salienta o estaleiro tradicional Ciprián como exemplo de recuperación do patrimonio marítimo galego

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou esta instalación rehabilitada recentemente ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa Sostible para ser centro de interpretación e museístico sobre a carpintería de ribeira

A actuación divídese en dous proxectos, o de rehabilitación da infraestrutura e o de mellora do acceso, e para ambas accións a Xunta aprobou cadansúa axuda

Susana Rodríguez destacou que a conservación do acervo marítimo-pesqueiro como o que albergan estas instalacións é o principal obxectivo do Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 no que traballa o Goberno galego

Outes (A Coruña), 4 de febreiro de 2023. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou hoxe o estaleiro tradicional Ciprián, que se rehabilitou e acondicionou recentemente para ser centro de interpretación e museístico sobre a carpintería de ribeira ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa Sostible. Alí puxo esta iniciativa como exemplo de recuperación do patrimonio marítimo relacionado coa carpintería de ribeira.

Esta actuación do GALP Costa Sostible divídese en dous proxectos: un deles é o de rehabilitación da infraestrutura e o outro consiste na adecuación e acondicionamento da contorna para mellorar o acceso a esta instalación e habilitar un punto de información.

Neste sentido, Susana Rodríguez puxo de relevo o valor deste traballo de recuperación de instalacións emblemáticas da costa galega coma este estaleiro e subliñou que a conservación deste acervo marítimo-pesqueiro é unha das apostas defendidas a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Unha mostra clara, sinalou, é o traballo que está a realizar o GALP Costa Sostible no estaleiro Ciprián.

Ademais lembrou que a conservación do patrimonio marítimo e cultural mariñeiro é o principal obxectivo do Plan da Cultura Marítima-Horizonte 2030 no que traballa o Goberno galego. Trátase dunha ferramenta aberta cunha perspectiva científico-didáctica na que se recollerán as conexións da comunidade litoral e do seu patrimonio ao longo da costa.

Este labor realízase no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería e a Universidade da Coruña a través dunha investigación dirixida polo profesor Óscar Fuertes -que tamén é un dos arquitectos que deseñou o proxecto de musealización do estaleiro- e conta coa colaboración de distintas entidades e máis dun cento de persoas de distintos perfís vencellados ao mundo do mar, entre eles os GALP.

O GALP Costa Sostible levou a cabo un total de 67 proxectos dos 661 que desenvolveron os grupos de acción local do sector pesqueiro no período 2016-2021. De feito, dos 38 millóns de euros que destinou a Xunta a estas iniciativas, máis dun 18 % (uns 7 millóns de euros) foron para este grupo, ao mesmo tempo que dos 470 empregos que se crearon en Galicia a tempo completo grazas a estas iniciativas 61 corresponderon a este GALP.

Recuperación do estaleiro Ciprián

A Xunta aprobou unha axuda de máis de 103.000 euros para o proxecto de rehabilitación desta instalación para crear un centro de interpretación e museístico no que poñer en valor a carpintería de ribeira e para uso cultural e de ensino. Os traballos incluíron a elaboración dun documento técnico de deseño do discurso, formato e soporte de exposición para as salas do estaleiro tradicional e unha obra de construción e rehabilitación para revalorizalo e adecualo ao novo uso.

O estaleiro Ciprián data do primeiro terzo do 1900 e a súa rehabilitación conserva a esencia orixinal de todos os espazos. Con este traballo recuperouse con madeira a estrutura do espazo exterior cuberto de 330 metros cadrados de superficie, que era onde se construían as embarcacións, e o espazo pechado de 117 metros cadrados de superficie útil onde se labraba a madeira e se creaban as maquetas.

Esta parte pechada está formada por cinco salas. A primeira é de recepción dos visitantes e toma de contacto coa carpintería de ribeira, a segunda sala ofrecerá unha experiencia sensorial mediante os paramentos de madeira e luz cenital e a terceira albergará unha exposición permanente sobre as técnicas e ferramentas do oficio de carpintería de ribeira. Na cuarta exhibirase o motor mariño da casa Ayón e a quinta estará aberta á enseada e actuará como atrio.

O outro proxecto que forma parte desta actuación é a adecuación da contorna desta instalación que consiste na rehabilitación da parcela da parte superior do estaleiro, na mellora da accesibilidade e na creación dun punto de información de carácter móbil así como outras intervencións menores. O fin destes traballos é consolidar a contorna dos muros da parcela, rehabilitar a rampla de acceso ao mar e mellorar os accesos ao conxunto museístico. Para esta actuación o Goberno galego aprobou unha axuda de 200.000 euros. Ambos proxectos foron promovidos polo Concello de Outes ao abeiro do GALP Costa Sostible.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 04/02/2023